Os sindicatos da Mesa Sectorial acordan iniciar un calendario de mobilizacións ante a vulneración que fai a Consellería de Sanidade do acordo do 20 de abril de 2023

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

A primeira concentración será o 12 de decembro ás 11 horas, nas entradas principais dos centros de saúde.

O SERGAS acaba de emitir, de xeito UNILATERAL, unhas instrucións para aplicar o acordo do 20 de abril no ano 2025 que empeora o acordo asinado coas Organizacións Sindicais, xa que recolle a OBRIGA de realizar xornada os sábados pola mañá para determinadas categorías profesionais.

Isto significa que algunhas categorías profesionais non teñen dereito efectivo a ter unha xornada de 35 horas. O que si recoñece a instrución é un incremento retributivo pola realización destes sábados.

As Organizacións Sindicais presentes na Mesa Sectorial, CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT defendemos que as carteleiras de traballo do persoal con quenda fixa de mañá ou tarde teñen que conter 35 horas, SEN sábados.

Na pasada Mesa Sectorial as Organizacións Sindicais exiximos a eliminación dos sábados das carteleiras, e que se creara un sistema regulado e transparente de voluntariedade para a súa cobertura, de aplicación similar en todas as Áreas Sanitarias. Hai varias partes do acordo que quedaban para unha posterior negociación, que nunca se chegou a dar, e que o SERGAS segue obviando.

Ante esta situación, CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT acordan convocar unha primeira concentración, o día 12 de decembro ás 11 horas, nas entradas principais de tódolos centros de saúde de Galicia. Non vai ser unha mobilización illada senón que irá enmarcada nun calendario de mobilizacións, en Atención Primaria e Hospitalaria, ata que o SERGAS convoque unha reunión extraordinaria e urxente da Mesa Sectorial e se pacte a forma de aplicar o acordo do 20 de abril asinado coas Organizacións Sindicais.

Volver