A ministra de Sanidade confirma que a nova clasificación profesional non contempla actualización salarial

CIG-Saúde denuncia a falta de compromiso do Ministerio coa sanidade pública

  • Sanidade Pública

Na reunión mantida este luns 26 de maio, a Ministra de Sanidade reiterou que a nova clasificación profesional prevista no Estatuto Marco non virá acompañada dunha suba salarial. A decisión foi cualificada pola CIG-Saúde como unha mostra clara da falta de compromiso do Ministerio co persoal da sanidade pública.

Durante o encontro, a Ministra afirmou que a actualización e equiparación das contías salariais da nova clasificación co Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) non é competencia do Ministerio de Sanidade, deixando adiada calquera mellora neste sentido sen data de aplicación.

A CIG-Saúde lembra que xa na actualidade existen múltiples categorías profesionais mal clasificadas e sen percibir as retribucións que lles corresponderían conforme ao Estatuto Marco vixente, situación que se agrava coa proposta de reforma. “Non pode ser que coa negociación dun novo Estatuto se manteña unha clasificación profesional que, aínda que actualizada formalmente, non leve consigo unha mellora real nas condicións laborais e retributivas do persoal”, denuncian.

A organización sindical manifesta que non apoiará un novo Estatuto Marco que non recolla de maneira explícita a actualización salarial correspondente á nova clasificación profesional. “É inaceptable unha reforma que lexitime a infravaloración económica de quen sosteñen a sanidade pública día a día”, afirman.

Ademais, a Ministra tamén rexeitou introducir no texto do novo Estatuto Marco calquera referencia ao dereito á xubilación anticipada do persoal da sanidade, unha reivindicación histórica do sector. Desde a CIG-Saúde considérase este feito unha mostra máis do desinterese do Ministerio por mellorar as condicións laborais e recoñecer o desgaste físico e emocional que implica o traballo no ámbito sanitario.

CIG-Saúde esixe que se rectifique esta postura e que a nova normativa recoñeza e retribúa adecuadamente ao persoal da sanidade, garantindo unha clasificación xusta e acorde coa responsabilidade e formación esixida en cada categoría.

Volver