É a hora da aposta pola atención primaria

CIG-SAÚDE exixe do goberno da Xunta de Galiza e do seu presidente Núñez Feijóo que aposten por unha Atención Primaria de calidade, e deixen de facer campaña política coa saúde da poboación.

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

A Atención Primaria vai ser a garante dunha prestación sanitaria de calidade no COVID-19, pese ás medidas de desmantelamento do goberno da Xunta de Galiza; como xa o é no resto de atención á saúde da poboación.
Mais Feijóo, agora, para a atención do COVID presenta unha serie de medidas que afondan na súa precarización, e non achega as solucións que a Atención Primaria necesita.
 
Desde CIG-SAÚDE, reiteradamente, vimos exixindo:
• A negociación na Mesa Sectorial dun Plano de Ordenación de RRHH que identifique as necesidades de persoal na Atención Primaria, para cubrir estas prazas con persoal estable.
Que anuncia Feijóo? Reforzar a atención primaria. Como? Con contratos por días e con vínculos de longa duración que consolidan a precariedade, rexeitados por todos os profesionais.
• Que se publiquen as conclusións dos grupos de traballo de Atención Primaria, eses grupos de expertas/os formados por traballadoras/es da sanidade pública, sobre todo no referente a:
▪ Mapa de competencias de todos os grupos profesionais: médicas/os, enfermeiras/os, matronas, fisioterapeutas, PSX, TCAEs, traballadoras/es sociais, odontólogas/os, hixienistas, …
▪ Os protocolo de relación primaria-hospital…
Que anuncia Feijóo? Que se van a implementar protocolos de relación primaria-hospital sen ter en conta o traballo das/os profesionais. Tamén anuncia o incremento do horario dos centros de saúde, cando moitos destes centros xa teñen unha prestación de servizo até as 21hs, van crear unha quenda nocturna?
 
Do que non fala Feijóo:
• Non Fala de dotar á Atención Primaria do orzamento necesario para que a Atención Primaria poida desenvolver a súa actividade, ofrecendo a asistencia sanitaria que as/os profesionais queren dar á poboación.
• Tampouco fala da creación da Xerencia de Atención Primaria, e da súa estrutura directiva que permita facer a planificación sanitaria dacordo coas necesidades sanitarias da poboación, que lles permita dotar este nivel de asistencia das/os profesionais necesarios.
 
Desde CIG-SAÚDE exiximos ao Presidente do Goberno:
◦ Que escoite as/os profesionais, e que cumpra coas súas obrigas legais de negociar na Mesa Sectorial do SERGAS os cambios das condicións de traballo do persoal.
◦ Que elabore un verdadeiro Plano de Atención Primaria, elaborado a partires das conclusións dos grupos de expertos da sanidade pública.
 
Todas as novas anunciadas por Feijóo soan a súa campaña política.
Non achegan ningunha solución ás demandas das/os profesionais.

Volver