25N, Retroceder en dereitos incrementa a violencia
As mulleres da sanidade pública comezamos unha folga na atención primaria o día 26 de novembro.
- Sanidade Privada
- Sanidade Pública
O primeiro chanzo da sanidade, a atención primaria crebou ,por un total desleixo da Consellería de Sanidade, que non aposta por unha sanidade publica e de calidade.
Conseguiuno precarizando cada vez máis as condicións laborais das persoas traballadoras e xunto a elas a asistencia sanitaria a poboación.
Persoas traballadoras dun sector feminizado que ben vulnerados os seus dereitos no día a día, non respectando a súa xornada de traballo, os seus descansos, impedindo a conciliación e co sometemento a riscos psicosociais, e situacións de violencias e acoso constantes.
Non respecta o SERGAS o dereito de acceso a sanidade pública, con listas de agarda cada vez maiores, provocando desigualdades e discriminacións no acceso , sendo as zonas do rural as máis afectadas e dicir mulleres do rural e as súas crianzas.
Pois sí, isto tamén é violencia institucional! , e valga tamén de exemplo, xa que ven o SERGAS de publicar neste mes en curso unha guía: “ A saúde das mulleres en atención primaria” Documento de apoio para fomentar a perspectiva de xénero.
Pois ben como se vai a materializar está carteira de servizos, sen orzamento para incrementar as profesionais necesarias para levar a cabo estas tarefas como poden ser: matronas, pediatras, psicólogas, fisioterapeutas, enfermeiras, nutricionistas/dietistas, médicas... e máxime cando a día de hoxe non se conta con un plan de ordenación de recursos humanos na atención primaria?
Estamos fartas do desmantelamento da nosa sanidade pública, porque retroceder en dereitos tamén incrementa a violencia.
O avance da privatización non mellora as condicións de traballo das traballadoras da sanidade privada, só enchen os petos das empresas que “negocian” coa saúde, afondando na discriminación de xénero con salarios moi por debaixo doutros sectores.
Dende a CIG Saúde seguiremos loitando por unha sanidade pública e de calidade, polos dereitos laborais das mulleres traballadoras da sanidade pública e privada e por unha asistencia digna as mulleres e nenas do noso país.