39 prazas de Medicina familiar e comunitaria desertas no MIR 2023
Os feitos confirman que incrementar o número de prazas MIR non é suficiente para ter máis profesionais da medicina familiar e comunitaria
- AgMédica
- Sanidade Pública
CIG-Saúde esixe medidas urxentes para mellorar as condicións de traballo das profesionais da Atención Primaria, so así faremos atractiva a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e conseguiremos rachar coa actual dinámica de falta de profesionais.
Definir os cadros de persoal reais nos Centros de Saúde que poidan responder, con calidade, as demandas da cidadanía; limitar as cargas de traballo; dignificar a docencia; reforzar as estruturas de xestión ou apostar por unha Atención Primaria vertebradora do territorio, son algunhas das propostas de CIG-Saúde.
O 8,2% das prazas MIR ofertadas de Medicina Familiar e Comunitaria quedou sen cubrir nesta convocatoria.
Do total de 202 prazas desertas, 39 son en Galiza (case o 20%), das que case o 50% (20) son na área sanitaria de Lugo, 14 na de Ourense e 5 na de Ferrol.
Galiza é a segunda comunidade con máis prazas desertas, despois de Castela e León, con 55.
Do mesmo xeito que ocorreu o ano pasado, a especialidade non resultou o suficientemente atractiva para os futuros R1.
Na convocatoria do ano 2022 quedaran 200 prazas de Medicina de Familia sen cubrir e foi necesario forzar unha segunda quenda de elección, na que aínda quedaron sen cubrir 93, 6 delas na área sanitaria de Lugo.
A convocatoria de este ano xa incluíu a posibilidade de poñer en marcha unha segunda quenda de elección que está pendente de facerse.