A asemblea de traballadoras/es acorda mobilizarse contra o desmantelamento do Hospital de Monforte

Convócase concentración diante do hospital o 20 de xullo, ás 12h

  • Monforte

A asemblea de traballadoras e traballadores do Hospital de Monforte convocada pola CIG-Saúde o pasado mércores acordou iniciar mobilizacións contra desmantelamento do centro hospitalario, reclamar un reforzo de persoal e que se cubran todas as vacantes de especialistas. A primeira das protestas terá lugar o próximo xoves, 20 de xullo, cunha concentración ás 12h diante do hospital.

A CIG-Saúde promoveu a asemblea e a convocatoria de mobilizacións ante a gravidade "do que está a pasar, sobre todo para a cidadanía". "Temos que evitar que se siga desmantelando o hospital deste xeito", salientan, e por iso a central nacionalista fai un chamamento tanto ao persoal como a veciñanza de Monforte para que se sume á concentración.

Neste camiño, na asemblea tamén se acordou convocar a Xunta de Persoal para recoller o maior número de apoios ás accións que se leven a cabo, dirixirse ao Concello para que convoque o Consello de Saúde e contactar coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública para que apoien tanto a concentración do xoves como para promover unha gran manifestación á volta do verán "ante a deriva que está tomando do hospital".

No relativo ás carencias de especialista, que a CIG-Saúde leva meses denunciando, Vicente Vázquez lembrou que faltan dúas hematólogas -repartíndose o seu traballo entre diversos profesionais-; non hai especialista de dixestivo -faise cargo destas consultas medicina interna-, nin tampouco de rehabilitación. Neste caso, apunta, "o único que hai son uns protocolos feitos polo persoal de rehabilitación de Lugo en consenso co de fisioterapia, pero descoñecemos quen fai o seguimento dos/as doentes, nin se funciona o tratamento ou quen lle dá a alta".

Advirte que se están derivando moitos/as doentes á privada, concretamente ao Polusa, sen ter en conta os trastornos que estes desprazamentos a Lugo lle provocan ás persoas doentes.  E por non fora abondo, "seguimos sen ter especialista en neuroloxía propio (veñen do HULA), ao igual que o cardiólogo e dúas pediatras".

Este déficit de profesionais acaba repercutindo tamén sobre o persoal administrativo, "xa que teñen que reprogramar todas as citas suspendidas da maior parte destes servizos. O persoal está totalmente desbordado, porque xa tiñan traballo dabondo e agora teñen que reprogramar todas as citas tanto de hematoloxía coma de rehabilitación e aínda por enriba cando piden un día non os cobren".

Volver