A CIG advirte que a falta de persoal coloca os centros de saúde do Baixo Miño nunha situación insostíbel
Na central instan a mellorar as condicións laborais e a estabilizar o emprego para atraer profesionais
- Primaria
- Vigo
A CIG-Saúde de Vigo vén de advertir publicamente sobre a “situación insostíbel” na que se atopan os centros de saúde da comarca do Baixo Miño como consecuencia da falta de persoal. Dende a central sindical apostan por mellorar as condicións laborais e estabilizar o emprego para atraer profesionais, xa que dos 16 residentes que completaron a súa formación na zona este ano só tres continuaron o seu labor nela.
Como consecuencia desta situación, onte mesmo o centro de saúde do Rosal só contou cunha médica, situación que se vén repetindo no últimos mes en varias ocasións. “A situación é grave, xa que ten que asumir a asistencia dun concello de máis de 6000 persoas, que no verán ve aumentada a súa poboación”. Isto provoca que no caso de ter que asistir a algunha urxencia que requira ir acompañada ao hospital, a localidade quedaría sen persoal médico arredor de dúas horas debido á lonxanía do hospital.
Por iso na CIG consideran que a sobrecarga de traballo do persoal coloca o centro nunha situación moi delicada, “máis cando se sabe que non se trata dun problema puntual, senón que se vai repetir durante o verán”.
Sinalan que algo semellante está a acontecer no centro de saúde de Oia, no que un único facultativo ten que atender as dúas ausencias das médicas da localidade. Neste centro, un único médico pode estar atendendo en torno a 75 consultas, entre programadas e as urxentes, “situación que se ten visto agravada nos últimos días pola situación sanitaria do concello”.
Isto está a traducirse nun aumento das asistencias do servizo de ambulancias da zona e do PAC da Guarda, “este último que por primeira vez en anos non conta con reforzo de costa”. Así que no caso de ter que asistir a unha emerxencia fóra do centro a partir das 21:00 horas a poboación da Oia, O Rosal e A Guarda queda sen persoal sanitario na zona. “Hai que lembrar que o PAC dá asistencia a preto de 20000 persoas dos tres concellos, poboación que experimenta un aumento significativo no verán”.
Deterioro da Atención Primaria
A CIG-Saúde cualifica de” preocupante” a situación e incide en que a solución pasa por mellorar as condicións laborais das profesionais. “É significativo que de 16 residentes que remataron a súa formación na zona este ano só tres continuaron o seu labor nela por un descontento xeneralizado nas condicións ofertadas pola Xerencia”.
Por iso apostan por estabilizar o emprego cunha OPE que saque todas as prazas necesarias para ter os centros cubertos co persoal necesario para asegurar unha asistencia digna “e para atraer de novo as profesionais que levan anos buscando mellores condicións noutras comunidades autónomas ou noutros países”.
Finalmente, lembran que as Plataformas na Defensa da Sanidade Pública da Guarda e do Rosal veñen alertando nas últimas semanas sobre as deficiencias dos centros e sobre o deterioro constante da Atención Primaria nestas localidades, “así como reiterando a reivindicación histórica de dotar o PAC cun dobre equipo”.