A CIG chama a rexeitar de novo na rúa a modificación do EBEP e as medidas contra o persoal interino
Área Pública tilda de "agresión" ao persoal interino e temporal a nova proposta dun pacto de estabilización
- Sanidade Pública
- Taxa de reposición
A Área Pública da CIG (Ensino, Administración e Saúde) chama a participar na nova mobilización convocada contra a proposta de modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público (EBEP) e as medidas contra o persoal interino, que cualifica de “agresión”. Con esta protesta, que terá lugar este luns 28 ás diante da Delegación do Goberno ás 11:30 horas, a central sindical amosará o seu rexeitamento á proposta dun “pacto de estabilización” que “deixa tirados/as” a miles de interinos/as e temporais.
“Unha crónica de como non se debe negociar. Con escurantismo, cruzando documentos e non sabemos se tamén reunións co trío sindical habitual (CCOO, UGT e CSIF), con documentos que sendo unha proposta formal do Ministerio non se nos envían, que fomos a voz crítica, xunto con ELA, nas dúas reunións previas para a reforma do EBEP e só se remiten cando se requiren formalmente e unhas horas antes da reunión. Con cancelacións de último minuto e cunha ansias por pechar en horas un acordo que, de golpe, desaparecen sine die e por segunda vez nestas últimas datas”.
Deste xeito transcorreron para a CIG os últimos días no “grupo de traballo” conformado polas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral das áreas públicas do Estado, as tres estatais, CIG, ELA e o Ministerio de Función Pública. Polo medio un documento supostamente con propostas dos tres sindicatos estatais que “foi manipulado” por un alto cargo do Ministerio e “filtrado” aos medios e unha “teatralización digna dun premio á mellor actuación secundaria” para tres sindicatos que oían a proposta ministerial “como se non soubesen de que ía” cando contiña “parágrafos idénticos” ao documento que no seu encabezado aparece como proposta sindical. “Todo un despropósito é un exemplo de como se fan as cousas nalgunhas mesas de 'negociación' pouco avezadas na transparencia e a seriedade”.
A transparencia non se negocia
O documento, case idéntico ao que xa desde a fin de semana divulgaron varios medios de comunicación, pretendía manterse en secreto a tan só unha horas de asinar, de existir o beneplácito dos sindicatos estatais, un novo acordo nunha convocatoria urxente da Mesa Xeral. “Nese xogo a CIG nunca entrou nin vai entrar. O que é innegociábel é a transparencia”.
Diante desta situación, concretada na proposta relatada na reunión do día 21 e no documento do día 22 que a CIG vén de recibir hoxe mesmo, “e no que se confirma todo o que denunciamos”, o sindicato nacionalista convoca unha nova mobilización contra a agresión que se promove contra o persoal interino e temporal desde o Ministerio de Iceta. Será o luns 28 diante da Delegación do Goberno en Galiza, na coruñesa Praza de Ourense, ás 11:30 horas.