A CIG denuncia a suspensión das consultas de pediatría no Centro de Saúde de Burela

Esixen explicacións ao SERGAS e o restablecemento da atención pediátrica

  • Burela

Burela a 7 de xullo de 2020.

A CIG Saúde-A Mariña denuncia a suspensión repentina e sen previo aviso das consultas de pediatría no Centro de Saúde de Burela no día de hoxe despois de recibir numerosas queixas de nais e pais.

O sindicato nacionalista expón que estaban programadas consultas, con crianzas citadas, e que “foron anuladas repentinamente e sen unha explicación oficial do SERGAS”, afirma.

“Non é normal a suspensión repentina de todas as consultas sen previo aviso, e a Directora do Distrito Sanitario da Mariña e o Xerente da Área Sanitaria deben dar explicacións trasnsparentes do que está acontecendo”, explican.

A CIG-Saúde da Mariña esixe que se dea unha solución inmediata en relación ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Burela, e que que se restableza o servizo que tamén afecta ás crianzas de Xove, Cervo e San Cibrao.

Para CIG Saúde da Mariña “a saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido  independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención pediátrica de todas as nenas e nenos da Mariña”.

Nesta liña subliñan que este é “un dereito que defendemos no pasado, no presente e continuaremos defendendo no futuro”.

Volver