A CIG gaña as eleccións a comité de cociña, limpeza e mantemento do Hospital QuirónSalud da Coruña
A central, que obtivo representación por primeira vez nestes servizos, obtivo tres das cinco persoas delegadas que se escollían
- Sanidade Privada
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais en IDCQ Servicios y Mantenimento ao obter tres das cinco persoas que conformarán o comité de empresa. Esta é a primeira vez que a central nacionalista consegue representación no persoal dos servizos de limpeza, cociña e mantemento do Hospital QuirónSalud da Coruña.
A CIG destaca a elevada participación neste proceso -no que se escollía a representación sindical nos tres servizos auxiliares de maneira conxunta e a un único comité- xa que dun cadro formado por 45 persoas, 39 exerceron o seu dereito a voto. En canto aos resultados, a candidatura da CIG obtivo 22 votos mentres que a de UGT recibiu 16 votos.
Hai que sinalar que estas eleccións se desenvolveron nun contexto de represión sindical exercido polo Grupo Quirón contra as delegadas e delegados da CIG, que tivo a súa máxima expresión a principios deste ano co despedimento do secretario do comité do hospital e as sancións impostas a este e á presidenta do órgano de representación pola súa intensa acción na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores e por unha atención de calidade ás persoas usuarias.
Por iso, para a CIG este resultado tamén constitúe unha resposta a estas prácticas empresariais e evidencia a fartura das persoas traballadoras da sanidade privada ante un modelo de relacións laborais baseado no medo, a precariedade e a sobrecarga de traballo e que fai da saúde un negocio millonario.
Neste contexto, a CIG agradece o apoio dado á súa candidatura e reafirma o seu firme compromiso na defensa dos dereitos laborais e na loita por seguir avanzando na mellora das condicións de traballo en todas as áreas deste hospital.
Novas Relacionadas