A CIG reclámalle á Xunta a aplicación xeral do permiso de 22 semanas por nacemento para o outro proxenitor
- Sanidade Pública
O pasado seis de xuño de 2023 a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ditou unha sentenza, en resposta a un recurso promovido pola CIG, na que se recoñece o dereito dun empregado público a contar coas seis semanas adicionais de permiso de paternidade coas que contan as mulleres que traballan para a administración.
A sentenza declara literalmente «o dereito do actor [un traballador do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais] a gozar dun permiso por nacemento de fillo de proxenitor non xestante de 22 semanas de duración, e non das 16 semanas recoñecidas na LEPG, condenando a entidade demandada a estar e pasar por esta declaración e a que lle recoñeza o dereito a gozar das seis semanas non recoñecidas, con todos os efectos legal e regulamentariamente establecidos».
A CIG leva anos defendendo a ampliación dos permisos por parto, tanto para a persoa xestante como para o outro proxenitor, co obxectivo de estender estes permisos até 52 semanas de duración, equiparándonos cos dereitos máis avanzados a nivel europeo nos coidados e conciliación da vida laboral e familiar.
Nesta liña a CIG xa propuxo en diferentes mesas de negociación, como primeiro paso, o aumento do permiso para outra persoa proxenitora até 22 semanas, co obxectivo de equiparar este co da nai biolóxica. Agora, a xustiza confirma que a nosa demanda sindical ten pleno amparo legal e constitúe claramente unha razón para que a administración galega, en virtude da citada sentenza, recoñeza este dereito a todos os empregados e empregadas públicas.
Por todo isto, desde a CIG-Área Pública demándase á dirección xeral de Función Pública:
- A modificación do artigo 124 da Lei 2/2015 no sentido do que recolle a sentenza, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica en casos de nacemento, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción dun fillo ou filla.
- A publicación, mentres non se faga efectivo ese cambio, das instrucións ou normas legais necesarias para que recoñeza ese dereito a todos os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza, evitando que persoas que terían dereito ás 22 semanas vexan limitado este dereito antes da modificación da Lei.
- A negociación, no marco da Mesa Xeral, da extensión dos permisos para ambas persoas proxenitoras, dos permisos no camiño da proposta da CIG de ampliala, cando menos dun xeito progresivo, até as 52 semanas.