A CIG rexeita a suba salarial pactada por detrás entre CCOO, UGT e o Goberno para o persoal público

A Área Pública mobilizarase o día 14 diante da Delegación do Goberno na Coruña

  • Orzamentos
  • Sanidade Pública

Ás 17:00 horas deste luns, día 3 de outubro, celebrábase en Madrid a xuntanza da Mesa Xeral das Administracións Públicas. Unha reunión na que a propia Secretaria de Estado de Función Pública recoñeceu as xuntanzas celebradas por detrás cos sindicatos estatais -a última esa mesma mañá-, ignorando a organizacións sindicais que, como a CIG ou ELA, forman parte da Mesa e teñen a consideración de máis representativas. Xuntanzas nas que pactaron un incremento salarial que, máis unha vez, provocará unha grave perda de poder adquisitivo para as traballadoras e traballadores do sector.

Así o denunciou o representante da Área Pública da CIG na Mesa, Luís Carballo, quen reclamou, por unha banda, que as negociacións regresen aos organismos institucionais creados con tal propósito e rexeitou, pola outra, tanto os acordos acadados con CCOO e UGT, como o feito de se presentar na xuntanza sen entregar sequera un borrador no que apoiar a proposta que se fixo de palabra.

Por iso afeou tamén que “un goberno que se denomina de esquerdas e obreiro actúe de xeito mafioso, negociando á marxe das canles estabelecidas para o diálogo social, sen contar con todos os axentes con representación nas mesas”. E máis aínda que se ignoraran “todas e cada unha das propostas presentadas pola CIG en materia económica e laboral”.

A suba proposta consuma a perda de poder adquisitivo do conxunto do persoal

Carballo denuncia que a proposta -avalada por CCOO e UGT e rexeitada pola CIG, ELA e CSIF- “non recolle sequera a perda do poder adquisitivo que xa temos consolidada en 2022, de preto do 10%, a un trimestre de rematar o ano”. Explica ademais que o 9,5% de suba que publican diversos medios “inclúe o 2% que se cobra desde xaneiro e varias cláusulas condicionantes”.

Xunto a isto, o secretario nacional de CIG-Administración subliña que a suba acordada para os anos 2022-2024 non chega a contemplar a inflación de prezos deste ano. Neste sentido, lembra que neste setembro situouse o IPC nun 9%, mais que estivo por riba do 10% boa parte do ano.

Explica que en materia salarial, Goberno e sindicatos estatais propoñen para 2022 un incremento dun 3,5% por cento, que inclúe o 2% xa aplicado desde xaneiro e ao que lle sumará en decembro, nun pago único, outro 1,5%. Por iso denuncia que “xa este ano o persoal ao servizo das administracións perdemos un 5,5%, polo tanto”.

Para 2023 o incremento sería do 2,5%, ao que se lle podería sumar un 0,5% máis en outubro, en función do IPC harmonizado 2022-23 se suma máis do 6% e outro 0,5%  se o PIB nominal do 23 supera a previsión do Goberno. E para 2024 a suba salarial sería do 2% coa posibilidade de sumar o 0,5% se o IPC 22-24 harmonizado supera o incremento salarial previsto.

Tal e como expuxo o secretario nacional da CIG-Administración e portavoz da Área Pública, “en tres anos, no mellor dos casos, non se recupera sequera o poder adquisitivo perdido no 2022, e asínase un acordo que dá por boa unha perda de máis do 5% entre este ano e o próximo. Ao que habería que sumar preto do -20%  que levamos desde 2010”.

Mantemento das taxas de reposición

En materia de persoal, o representante da Área Pública da CIG denunciou que se manteñan as taxas de reposición de efectivos, cuxa supresión vén demandando a CIG de forma reiterada, “baixo o aparente disfraz que supón aprobar unhas cifras por riba do 100%, pero que, sumado á lentitude dos procesos de selección de persoal, non dan resposta ás necesidades dunhas administracións minguadas tras anos de restricións”. Por iso defendeu que cada administración goce de plena autonomía “para dar solución ás súas propias demandas de persoal e poder ofrecer  así uns servizos públicos e de calidade á cidadanía”.

Xunto a isto trasladou outras cuestións en materia laboral como a mobilidade interadministrativa; a reivindicada xornada de 35 horas; o teletraballo, pendente desde 2021, que segue sen concretarse a falta de tres meses para rematar o ano ou o desenvolvemento da Lei de Función Pública á que obriga o EBEP publicado hai quince anos xa.

Carballo denunciou ademais que mentres no sector privado están a asinarse cláusulas de garantía salarial que teñan en conta a carestía da vida da clase traballadora en atención ás cifras dun IPC disparado, “a Administración contempla para o seu persoal unha suba prevista en tres anos que nin sequera permite recuperar o poder adquisitivo perdido no 2022, tal e como se aprecia no cadro que acompaña a esta nota”.

Diante desta situación, a Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) manteñen a mobilización prevista para o día 14 diante da sede da Delegación do Goberno na Coruña “na defensa dos dereitos das persoas empregadas públicas e da medida de baterías ante a carestía da vida que xa ten presentado ante o Goberno”.

Volver