A CIG rexeita unha nova rebaixa no poder adquisitivo e denuncia a farsa negociadora da Mesa Xeral
- Sanidade Pública
Consumouse outro pacto salarial pechado en Madrid que mantén a mesma fórmula de sempre: o persoal público continúa perdendo poder adquisitivo mentres os sindicatos estatais avalan acordos por debaixo do IPC.
Nada novo: nin recuperación do perdido, nin garantía salarial, nin cláusula de revisión.
A farsa negociadora da Mesa Xeral 36.1 do EBEP
O Ministerio presentou o pasado 1 de decembro un «acordo» xa pactado con UGT e CSIF en reunións privadas, mentres a documentación aparecía filtrada por WhatsApp e na prensa días antes. Ao que se adheriu ao día seguinte CCOO.
Foi un proceso opaco, á marxe da Mesa Xeral, que exclúe deliberadamente a representación galega e vulnera a negociación colectiva.
A realidade é simple: todo estaba decidido en Madrid antes da reunión.
A proposta da CIG era clara
- Salarios ligados ao IPC para non seguir perdendo poder adquisitivo.
- Recuperación do 2,3% perdido no acordo anterior mediante unha suba do 5% en 2025 con efectos retroactivos.
Que implica realmente o acordo 2025-28
– Non se recupera o perdido entre 2022 e 2024.
– As previsións de IPC para 2025-26 confirman máis perda salarial.
– O incremento total queda topado nun 11% en catro anos, menor que o acordo anterior.
– O Goberno aprobou o acordo vía real decreto-lei (BOE do 3 de decembro) sen garantir que o Congreso o convalide, xerando máis incerteza e risco para o persoal público.
Os datos non menten: a carestía da vida aumenta entre o persoal empregado público
Mentres o custo da vida medra de forma continua —case un 26 % acumulado desde 2022— os salarios do persoal público apenas avanzan un 21 % (mesmo en escenarios optimistas), incluíndo o pico excepcional do 4,5 % previsto para 2027. A consecuencia é evidente: consolídase unha perda real próxima ao 5 % de poder adquisitivo.
Só un sistema de revalorización automática ligado ao IPC evitaría estas perdas continuadas e garantiría salarios dignos e xustos para quen sostén os servizos públicos.
A CIG seguirá a loitar por unha proposta alternativa seria
A CIG non pode avalar un pacto fóra das mesas cos sindicatos estatais que consolida perdas salariais, que nos deixa por detrás das pensións e que se negocia de costas ao persoal público.
No primeiro trimestre de 2026, CIG imos presentar unha iniciativa parlamentaria para que Galiza esixa unha lei estatal que garanta subas mínimas ligadas ao IPC.
A solución existe. O que falta é vontade política.
Novas Relacionadas
Últimas novas