A CIG-Saúde concéntrase no centro de saúde de Noia para denunciar a falta de persoal

Demandan unha solución inmediata para garantir a atención ás/aos doentes

  • Santiago

A CIG-Saúde de Compostela concentrábase as 20:00 horas deste martes diante do centro de saúde de Noia para denunciar que até as 19:00 horas había un substituto, pero desde esa hora quedaba sen asistencia médica ordinaria.

Segundo explicou Xavier Alvedro no decurso da acción de protesta, no centro de saúde de Noia, na quenda de tarde, hai 2 cupos, un deles de baixa laboral e sen cobertura dende hai máis dun ano. “O cupo que queda, colle vacacións este mes até mediados de Decembro e está cuberto, na actualidade, con coberturas de xornada, de maneira extraordinaria, por outros profesionais doutros centros de saúde”.

Alvedro afirmou que, como está ocorrendo neste momento, “son demasiada as veces á semana que queda descuberto o cupo ao rematar a xornada laboral ás 19:00 horas, polo que entre as 19:00 e as 21:00 horas, non hai asistencia médica ordinaria no centro de saúde de Noia”.

O representante da CIG-Saúde denunciou que, por mor desta situación, as urxencias son vistas no PAC, sobrecargando ás/aos profesionais deste dispositivo de Urxencias e incidiu ademais en que o servizo do centro de saúde de Noia, ao ser cabeceira de comarca, debería contar con todos os efectivos ao 100%.

Peche total da unidade de saúde mental

Alvedro lembrou que a CIG-Saúde de Compostela xa denunciou, no mes de Setembro, “o peche total da unidade de Saúde Mental de referencia para a comarca, ao gozar das vacacións as e os profesionais no mes de Setembro e ao non se cubrir ningún posto de traballo dentro desa unidade”.

Xunto a isto, recordou que tamén foi denunciada a ausencia da Pediatría e que “se estaba producindo un aumento de carga de traballo para a única Pediatra dispoñible na zona, como é a de Lousame, ao estar o de Outes tamén de vacacións”.

Por iso, a CIG-Saúde de Compostela reclama que, de inmediato, se resolva esta situación dotando os centros de saúde da área sanitaria de persoal suficiente, para garantir a atención ás e aos doentes, e que non queden desatendidos nin os centros de saúde, nin ningunha unidade.

Volver