A CIG-Saúde de Vigo denuncia a falta de información sobre a pandemia por parte da Xerencia da área sanitaria

En concreto, sobre a campaña de vacinación ou sobre o gromo de covid no hospital do Meixoeiro

  • Vigo

A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia a falta de información sobre os últimos acontecementos relacionados coa pandemia por parte da Xerencia da área sanitaria. En concreto, critican a tardanza en trasladar os detalles da campaña de vacinación dos profesionais ou en comunicar a existencia dun gromo de covid no hospital do Meixoeiro.

Dende a CIG-Saúde de Vigo sinalan que a xestión dos efectos da pandemia da covid-19 está a esixir un esforzo importante dos traballadores/as da sanidade pública, ao tempo que fan fincapé en que a necesidade de ter información completa e veraz da situación na que se atopa a área sanitaria é vital para que as propostas de actuacións a realizar e os protocolos que se establezan partan dun diagnóstico correcto da realidade.

Fomos a última Xunta de Persoal en coñecer os aspectos concretos da campaña de vacinación dos profesionais

Neste senso, lamentan que se producise “un deterioro importante da información que recibimos da Xerencia sobre aspectos importantes que están a suceder estes días”. Por exemplo, sobre a campaña de vacinación dos profesionais critican que tiveron información precisa do marco xeral e das liñas básicas do seu deseño, “pero fomos a última Xunta de Persoal en ser informada dos aspectos concretos de deseño e desenvolvemento, e a Xerencia convocou a reunión despois das protestas das organizacións sindicais por ter a información a través das citas para vacinarse do persoal e dos medios de comunicación”.

Lembran que a área sanitaria de Vigo é a máis grande de Galiza, a que máis vacinas administra “e a última en ser informada pola Xerencia en calidade de representantes dos profesionais da sanidade”. E esta falta de información repercute negativamente na porcentaxe de persoal que se vacine, “xa que a parte sindical é incapaz de trasladar información veraz e de desmentir ou verificar informacións que nos chegan por parte dos traballadores/as ao non ter sido informada no inicio da campaña, como así o foron o resto de Xuntas de Persoal doutras áreas”.

Gromo no Meixoeiro

A respecto da aparición de numerosos casos positivos en pacientes e traballadores/as do hospital do Meixoeiro, explican que o domingo día 17 de xaneiro comunicouse a existencia de 12 casos na unidade de xeriatría, que se detectaron tras a confirmación dun caso positivo que acudiu ao servizo de urxencias tras a alta da unidade. A última hora do día 19 de xaneiro infórmase do aumento do gromo á ala contigua, tendo os traballadores/as coñecemento desta situación na madrugada do 17 ao 18 de xaneiro. “Polo tanto, fomos informados/as máis de 24 horas despois de producirse o problema”.

Informouse do gromo do Meixoeiro 24 horas despois de terse producido o problema

Ademais, durante todo o día 19 foi imposible ter comunicación coa Xerencia para coñecer o que estaba a suceder e que medidas se ían tomar para garantir que o hospital do Meixoeiro volva ser un hospital libre de coronavirus. “Este centro estaba chamado a ser o recurso básico para manter unha mínima continuidade asistencial, tanto de consultas externas e seguimento de pacientes ingresados de diferentes patoloxías, como da actividade cirúrxica que se pode realizar no centro”.

Con todo, inciden en que esta dinámica de desinformación non é nova. “A actual Xerencia da área sanitaria de Vigo ben de cambiar as relacións que tiña coa representación sindical no que a transmisión de información se refire; nestes momentos é máis doado ser informados pola prensa ou polos propios traballadores/as que pola dirección desta área”.

Finalmente, indican que fan pública esta situación tras terlla comunicado en varias ocasións ao actual xerente sen que se lle poña solución, e ao considerar que na actual situación é máis preciso que nunca que os traballadores/as e os seus representantes sexan informados/as de calquera medida que lles afecte en tempo e forma.

“A gravidade da situación provocada pola actual pandemia fai imprescindible que a Xerencia faga partícipes os profesionais das súas decisións a través dos seus representantes, xa que o contrario vai provocar unha grande incerteza sobre as medidas que se adoptan e xerar crispación entre os traballadores/as, e todo isto pode afectar á xestión da crise sanitaria actual”, rematan.

Volver