A CIG-Saúde exixe a anulación do contrato do servizo de rastrexo a unha empresa privada
Considera que cos 14 millóns pódese contratar persoal cualificado das listas do SERGAS
- Coronavirus
- Sanidade Pública
A CIG Saúde exixiu este mércores, na xuntanza do Consello Técnico de Atención Primaria, a anulación do contrato -por 14 millóns de euros- do servizo de rastrexo da COVID-19 a unha empresa privada. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, asegura que se trata dunha prestación sanitaria e que, en consecuencia, debe ser prestada por persoal cualificado do SERGAS.
Abuín, explica que no decurso da xuntanza a Directora de Saúde Pública informou do funcionamento do servizo de rastrexo e que xustificou as demoras alegando, por unha banda, que algún día mesmo se chegaron a diagnosticar até 1.700 casos e, pola outra, na necesidade de formación do persoal contratado pola empresa privada.
Fronte a isto a CIG-Saúde exixiu a anulación deste contrato por ser o rastrexo, tal e como recoñeceu o propio Xerente do SERGAS, “unha prestación sanitaria no contexto da pandemia covid” e considera que esta función debería ser realizada polo persoal inscrito na lista de selección temporal do SERGAS, nomeadamente por persoal técnico de documentación sanitaria ou persoal de servizos xerais.
“Estamos falando de persoal altamente cualificado e formado que non precisaría esa formación complementaria porque é do sistema sanitario e non teleoperadoras/es de fóra do sistema”, afirma Abuín.
A secretaria nacional de CIG-Saúde explica ademais que outra das xustificacións que utilizaron, na xuntanza do Consello Técnico de Atención Primaria, é que non saben a duración do contrato porque non se descoñece a duración deste pico da pandemia, “como se no SERGAS non fose habitual contratar persoal por días, horas, quincenas e meses”, engade.
Por todo isto a CIG-Saúde segue exixindo a anulación deste contrato e a prestación do servizo con persoal propio do SERGAS.
Incumprimento do Pacto de Selección Temporal de persoal do SERGAS
Para a CIG-Saúde a contratación desta empresa é un incumprimento grave do Pacto de Selección Temporal de persoal do SERGAS. Lembra que as e os traballadores pagan unhas taxas para figurar nas listas para acceder a un emprego temporal e que, entre mentres, “o SERGAS privatiza unha prestación sanitaria como esta”.
Tomando como referencia os 14 millóns que o propio SERGAS dixo que ía custar o contrato e as retribucións dos técnicos en documentación sanitaria publicadas na orde de confección de nóminas da Xunta de Galiza, incluíndo o 40% de gastos en cotizacións á seguridade social e demais, María Xosé Abuín calcula que “daría para contratar 6.628 técnicos/as ou 7.380 de persoal de servizos xerais, se a previsión da 5ª onda de covid é de mes e medio”.
Persoal que, reitera, está xa formado e en contacto co sistema sanitario público. “Mesmo chegaría para facer o rastrexo e para reforzar os déficits que hai nos centros de saúde”.