A CIG-Saúde exixe un Plano de Ordenación de Recursos Humanos en Atención Primaria

Demanda a supresión da taxa de reposición e unha previsión das xubilacións que se van producir

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde reclama ao SERGAS o cumprimento do compromiso adquirido o pasado día 8 de abril de negociar en mesa sectorial as materias que lle afectan ao persoal de Atención Primaria, coa elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que identifique as necesidades de persoal para dar solucións.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín denuncia que non se está dando unha solución real ao déficit de persoal porque “o SERGAS non facilita a información necesaria para saber cales son, en concreto, os déficits de persoal e as previsións de cobertura dos próximos anos tendo en conta as xubilacións que se van a producir”.

Por iso entende que “se non hai un diagnóstico de necesidades mal pode haber propostas de solución ás mesmas” e exixe que se aborde este tema “co rigor e a transparencia que merece a cuestión, porque até o de agora o que fixo o SERGAS foi lexitimar as súas políticas con medidas erradas”.

Vacantes por xubilación previstas

Para a CIG-Saude ese Plan de Ordenación debe contemplar, entre outras cuestións, as prazas vacantes por xubilación, no período 2010-2019, desagregadas por EOXI, Centro de Saúde e PACs. “Temos ademais que saber previamente cantas destas prazas están cubertas con persoal fixo, interino ou eventual e cantas seguen vacantes ou están amortizadas, porque non sabemos sequera iso”, indica Abuín.

Xunto a isto demanda que se dea conta do número de prazas vacantes que se van producir por xubilación no período 2020-2025 e tamén o número de persoas que está a prolongar a súa vida laboral e que nos vindeiros anos accederá á xubilación forzosa ao cumprir os 70 anos.

Para facer un estudo de necesidades real, ademais deste datos, reclama que se informe do número de tarxetas sanitarias que ten cada profesional agrupados por idades, porque “non é igual quen teña un determinado número de crónicos ou de persoas de maior idade, que quen non e iso tamén ten que ser planificado”.

Con todo isto Abuín entende que si se podería saber cales son as necesidades reais do sistema, tanto agora, como no futuro para poder planificar axeitadamente. “A improvisación non pode seguir sendo un mérito porque só leva á precariedade laboral e a unha desatención da poboación”, asegura a secretaria nacional da CIG-Saúde.

Supresión da taxa de reposición

Parello a isto a CIG-Saúde considera que o goberno galego ten que rematar coa taxa de reposición para que se podan convocar o 100% das prazas vacantes en OPE e traslados. “Con esta medida evitaríase que o persoal seguira encadeando contratos sucesivos para cubrir postos estables e poderíanse crear novas prazas estables para dar resposta ás novas necesidades asistenciais”.

A CIG-Saúde lembra que o goberno galego “é o responsable da taxa de reposición” e fai un chamamento a quen colaboraron na decisión de mantela. “Estamos a falar dos colexios médicos que, co seu silencio permitiron que se mantivera; os sindicatos asinantes que, coa súa sinatura, lexitiman a taxa de reposición até 2020 e os partidos políticos que nunca presentaron ningunha iniciativa –e seguen sen presentala- para eliminar a taxa de reposición”.

A este respecto María Xosé Abuín exixe que “alén das declaracións públicos en defensa da sanidade pública precísase de accións que sexan verdadeiramente acordes co discurso que se esgrime”.

A CIG-Saúde insiste en que a sanidade pública necesita dunha Atención Primaria que dea resposta ás necesidades de saúde da poboación e que as/os profesionais necesitan traballar en condicións dignas e de estabilidade para ofertar unha asistencia sanitaria de calidade “dedicando o seu tempo a pór os seus coñecementos ao servizo da poboación e non perdelo resolvendo as trabas que lle pon a administración”.

Volver