A CIG-Saúde non acudirá ao premio Pontevedreses de Honor para non avalar a política de recortes da Xunta

Entende que é un recoñecemento ao persoal pero non irá ao acto que preside Feijóo, responsábel da precarización da sanidade

  • Pontevedra

A federación de Saúde da CIG vén de anunciar que non acudirá á entrega do premio Pontevedreses de Honor para non avalar coa súa presenza as políticas de recortes e de precarización da sanidade pública por parte da Xunta. A central sindical congratúlase de que o galardón sexa para o persoal da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, ao significar un recoñecemento ao seu labor, mais declina participar nun acto que presidirá o máximo responsábel do Goberno galego e no que a Xerencia será a encargada de recibir o premio.

Dende a CIG-Saúde amosan a súa satisfacción polo feito de que o recoñecemento ao persoal da área sanitaria supoña un agradecemento público á prestación de servizo “non só durante a pandemia de covid senón os 365 días de cada ano”.

Non podemos participar nun acto que preside o máximo responsábel dun Goberno que só aplica recortes e precariza e no que recolle o premio unha Xerencia en continuo conflito co persoal pola súa xestión

Neste senso, consideran que os traballadores/as da sanidade tamén agradecen o comportamento da sociedade galega, ao tempo que lamentan non poder ofrecer unha asistencia máis en consonancia coas necesidades da poboación. “Queremos que a sociedade saiba que os profesionais poñen todo o seu esforzo e traballo para intentar minimizar os recortes que o Goberno autonómico aplica na sanidade pública”.

Neste senso, trasládanlles os seus parabéns a todos/as os profesionais, pero insisten en que non acudirán á entrega do galardón porque “non podemos participar nun acto que preside o máximo responsábel dun Goberno que só practica políticas de recortes e de precarización e no que recolle o premio unha Xerencia en continuo conflito co persoal da área pola súa xestión”.

Política de persoal da Xerencia

No que ten que ver precisamente con esas políticas de persoal que aplica a Xerencia, lembran que supoñen percibir unhas retribucións inferiores ao resto de empregados/as públicos/as; contar cun cadro de persoal recortado que sobrecarga o traballo dos profesionais; a denegación continua dos permisos de conciliación familiar; contratacións en precario con alta taxa de eventualidade; abandono da Atención Primaria; e conflito nos PAC.

“O premio é un recoñecemento ao persoal da sanidade, non á Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés nin ao Goberno de Feijóo, polo que agardamos que no acto de entrega non utilicen o persoal da sanidade no seu beneficio”, rematan.

Volver