A CIG-Saúde reclama a recuperación dos acordos retributivos do persoal do SERGAS
Delegados/as concentráronse hoxe diante da consellaría de Sanidade
- Acordos Mesa Sectorial de Sanidade
- Orzamentos
- Sanidade Pública
Delegados e delegadas de CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade para reclamar a apertura dun proceso de negociación no que se acorde un calendario que permita a recuperación dos acordos aprobados en mesa sectorial en 2008 e suspendidos coa chegada do goberno Feijóo en 2010. Previa a concentración solicitárase ser recibidos pola consellaría para tratar esta cuestión. Porén foi un policía o que comunicou que non había ninguén hoxe para atendelos. “Preguntámonos se este é o novo modelo de relacións laborais da Xunta, que o noso único interlocutor sexa o policía da porta”.
Así o manifestaba, con indignación, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, para quen “esta non é forma de tratar á representación do sindicato maioritario no SERGAS” nin pode servir como escusa para que non se atendan as demandas do persoal “malia termos reiterado esta petición desde o ano 2013”.
Abuín lembrou que “daquela tanto o Presidente da Xunta como o conselleiro de Facenda falaban de que estabamos na senda da recuperación e do crecemento, pero seguiron castigando ao persoal do SERGAS. O único que demandamos é que se recuperen eses acordos”.
Abuín explica que neses acordos contemplábase que o persoal do SERGAS que traballa a quendas rotatorias de mañá, tarde e noite, os 365 días se lle recoñecera este complemento específico. Porén, ademais de suspender eses acordos, a secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia a “discriminación salarial” existente con respecto ao resto do persoal da administración autonómica “que superan os 250€ mensuais”.
Segundo explicou, para igualar as retribucións por categorías ao mesmo nivel entre o persoal do SERGAS e o persoal traballador/a da administración autonómica que traballa en quenda de mañá, de luns a venres, “o persoal do SERGAS ten que traballar en quenda rotatoria de mañá, tarde e noite cunha prestación efectiva de servizo de 3 noites e un festivo mensual”.
Por iso se cuestionou que clase de apoio se lle está a dar ás traballadoras e traballadores da sanidade pública “se nos condenan a ter unhas retribucións precarias e situarnos case á cola dos servizos de saúde”.
Orzamentos 2020
María Xosé Abuín exixiu ademais que estas demandas se teñan en conta á hora de elaborar os orzamentos para 2020 e que previo a iso se negocie en mesa sectorial un calendario para que ano a ano esa recuperación salarial se vaia facendo efectiva. “Non exiximos máis que o que el mesmo demanda do resto das administracións, que cumpra os compromisos”.
Ademais cuestionou que se utilicen “os 700 millóns do Estado” para xustificar que non se inclúe esta recuperación. “Non nos valen as desculpas de Feijóo, porque cando goberna en Madrid o PP todo está ben e a economía vai de marabilla e en 6 meses resulta que é un caos. Pois algunha responsabilidade tamén ten el”.