A CIG-Saúde traslada o seu apoio á loita en defensa dos servizos públicos no hospital de Verín

Amosa o seu rexeitamento ás políticas sanitarias do PP “que vulneran os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres”

  • Ourense
  • Sanidade Pública

A federación de Saúde da CIG trasladou hoxe publicamente o seu apoio ás mulleres que están a defender os servizos públicos do hospital de Verín “para ter dereito a unha asistencia sanitaria pública de calidade e de proximidade”. Dende a central rexeitan o peche do servizo de maternidade hospitalaria e denuncian as políticas sanitarias do PP “que vulneran os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres”.

Na CIG-Saúde entenden que ningunha persoa pode ser penalizada no acceso á sanidade pública polo seu lugar de residencia, ao tempo que esixen que os orzamentos sanitarios vaian dirixidos a dar cobertura integral ao programa da muller. Neste senso, inciden en que a falta de profesionais non pode ser unha escusa para desmantelar a sanidade pública. “Se non hai profesionais é responsabilidade dos xestores sanitarios, nomeadamente do actual xerente da área sanitaria de Ourense, que durante a súa etapa de director xeral de Asistencia Sanitaria dedicouse a amortizar prazas de profesionais”.

Por todo isto, dende a CIG-Saúde fan un chamamento a todas as mulleres a participar nas mobilizacións convocadas para este mércores día 4 de decembro. “Os recortes sanitarios nas prestacións que afectan ás mulleres son unha agresión a todas, e todas debemos respostar contundentemente contra elas”.

Compostela, 4 de decembro de 2019.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria nacional de CIG-SAÚDE.

Volver