A CIG SAUDE DENUNCIA O AUMENTO DE PRECARIEDADE NO SERGAS
- Sanidade Pública
A CIG-SAÚDE denuncia a precariedade no SERGAS, nomeadamente no colectivo de enfermaría que esta vendo como aumenta a falta de dereitos coa invención de novas fórmulas de contratación, o contrato de continuidade, xa rexeitado polo colectivo de Medicina Familiar e Comunitaria e de Enfermería en numerosas ocasión, e agora o contrato de Emerxencia.
Este tipo de contratos aumentan a flexibilidade nas profesionais, que descoñecen as súas carteleiras, o servizo ou servizos aos que van ir traballar e nos que non son informadas das condicións que supón coller eses contratos. No caso do contrato de continuidade destaca a posibilidade de que se xeren prazas estruturais con esas características onde cunha praza en propiedade poderíase dar o caso de non estar asignada a ningún servizo.
Esta situación de inestabilidade non é nova, proba disto é a elevada taxa de temporalidade, en torno a un 40%, e a falta de estabilidade nun mesmo servizo. A incerteza dos días que vas ser contratada dificulta enormemente a conciliación da vida laboral e familiar, esta situación perpetúase durante anos ate conseguir un contrato estábel. Esta situación foi recoñecida polo Tribunal de Xustiza da unión Europea, que denunciou o abuso de recorrer sucesivamente a contratos temporais. Todas estas condicións teñen provocado a emigración durante anos das profesionais sanitarias a outros países ou servizos de saúde do estado, ou incluso a súa fuxida á empresa privada.
Sorprende que se atribúa a falta de profesionais ás baixas ou a permisos de conciliación, cando o SERGAS é coñecedor da situación mencionada e pouco se fixo para consolidar prazas estábeis e diminuír a temporalidade. Vense reclamando desde CIG-Saúde, de forma reiterada, a convocatoria de OPE coas prazas reais xeradas nos últimos anos.
Lonxe disto, e mesmo desoíndo as recomendacións da Unión Europea, o SERGAS segue teimando nas mesmas fórmulas que precarizan as condicións de traballo e boa proba disto é o plan de continxencia, onde se vende como logro a contratación de 750 enfermeiras. Estas enfermeiras non son mais que as que viñan desenvolvendo este traballo durante todo o ano pero con outro contrato de traballo diferente, contrato que permite mobilizalas entre servizos segundo as “necesidades asistenciais”. Este contrato non se pode rexeitar, agás que se teña algún contrato previo o que contrasta coa información que está a saír na prensa.
Tamén sorprende como, unha vez máis, se pretende culpar a un colectivo canso de solucionar unha e outra vez a mala xestión de persoal dos gobernos do PP, de non querer traballar durante a segunda onda da pandemia. Un colectivo que, para rematala, está a traballar baixo unha tremenda presión e ten suspendidos todo tipo de dereitos e permisos dada as circunstancias da crise sanitaria. Non terá algo que ver esta historia de maltrato co feito de que profesionais formadas e cualificadas traten de ter un posto de traballo digno, que respecte os seus dereitos?
Exiximos polo tanto que esta administración deixe de maltratar as traballadoras do SERGAS, que se convoque unha OPE coas prazas necesarias para acabar coa temporalidade e que se dignifiquen as condicións de traballo dun colectivo hoxe mais necesario que nunca.
Vigo, 10 de decembro de 2020
CIG-Saúde Comarca de Vigo
Poder ver a nova tamén en Avantar.