A comida dos pacientes dos hospitais vigueses chegará finalmente dende Lugo
O Sergas recorre a un centro público para solucionar o problema creado por privatizar un servizo esencial
- Atención hospitalaria (CHUVI)
- Vigo
A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia que a comida dos pacientes dos hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña chegará da cociña do Lucus Augusti a partires do 19 de xullo. A Consellería de Sanidade tivo que recorrer a un hospital público, con persoal público, para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial, xa que a instalación presenta deficiencias tras só seis anos funcionando.
Segundo critican dende a CIG-Saúde, a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo continúa sen aclarar en que situación queda a garantía das persoas ingresadas nos hospitais desta área a recibir a alimentación que precisan, adecuada ás súas necesidades e en condicións culinarias que permitan a súa inxesta. “O que está a pasar coa cociña do Cunqueiro non fai máis que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión, así como de todos os servizos implicados na asistencia sanitaria”.
Ao mesmo tempo, esixen unha investigación transparente dos controis de calidade e seguimento da obra construída e que se depuren as responsabilidades polo feito de que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de seis anos da súa construción. Tamén demandan información sobre como e quen vai asumir o sobrecuste do peche da cociña e o incremento da actividade da cociña do hospital Lucus Augusti, que obrigará ao Sergas a contratar máis persoal.
“Non podemos consentir que se lle pague á empresa concesionaria pola reparación duns defectos na construción que eran a súa responsabilidade, nin por uns servizos que non presta”, rematan.