A Comisión de centro do CHUAC convoca manifestación na Coruña o 20 de xaneiro

Pola cobertura de tódalas ausencias e a esixencia de maior dotación de persoal no CHUAC

  • A Coruña

A Comisión de Centro do CHUAC convoca unha manifestación o próximo día 20 de xaneiro con saída ás 19 horas da Casa do Mar da Coruña e transcorrendo pola Avenida Linares Rivas, Cantón Pequeno, Cantón Grande para rematar no explanada do Obelisco (Cantón Grande) na Coruña.

O motivo desta convocatoria é a cobertura de tódalas ausencias e a esixencia de maior dotación de persoal no CHUAC, que permita afrontar a carga de traballo e garantir a adecuada atención sanitaria.

A Comisión de Centro leva anos denunciando que os hospitais que conforman o CHUAC teñen un déficit histórico de persoal respecto do “ratio” de profesional/paciente. A pandemia o que fixo foi evidenciar esta situación de precariedade, cunha carga de traballo que para as/os profesionais xa semella imposible de asumir.

O Servizo de Urxencias do HUAC vive nunha saturación permanente. A Xerencia ten “normalizado” que os corredores estean ateigados de pacientes en espera dunha cama de hospitalización, este feito non solo é denigrante para as/os pacientes senón tamén para as/os profesionais que alí traballan, xa que teñen que atender nunhas condicións onde non se pode garantir o dereito á intimidade nin a calidade asistencial que se presta a/o paciente.

A isto último hai que sumar que estes corredores, en moitas ocasións, aténdense cas/os mesmos profesionais do Servizo de Urxencias, é dicir, non se conta con mais persoal para estas ubicacións, o que supón unha sobrecarga adicional para o persoal que traballa no servizo.

Tras varias semanas de mobilizacións, a resposta da Xerencia é nula, e as/os profesionais continúan dicindo que XA NON PODEN MAIS!

As unidades de críticos (UCIs e Reas) do CHUAC, durante a pandemia, tamén tocaron fondo, renunciaron as súas libranzas en plenas “ondas covid” para poder atender as/os pacientes que alí ingresaban mais o recoñecemento por iso quedou nos aplausos.

Houbo unha serie de mobilizacións esixindo o que realmente necesitan as/ os profesionais:
incremento de persoal, organización dos recursos, formación, cobertura das ausencias, retribución das xornadas realizadas fora do horario de traballo....etc.

A Xerencia comprometeuse coas unidades de críticos en achegar solucións, en escoitalos, en definitiva a respectalos; mais novamente isto non aconteceu. Na realidade é que non houbo ningún cambio nas condicións de traballo destas/es compañeiras/os que seguen a traballar nunhas condicións moi duras.

Recentemente as/os traballadoras/es do bloque cirúrxico tamén inician un calendario de mobilizacións por diversa problemática como: mobilización dos equipos de enfermería destinados as cirurxías urxentes, déficit de persoal, falta de cobertura das ausencias....

As unidades de hospitalización, servizos centrais (laboratorio, farmacia, raios, lavandería, cociña...etc) do CHUAC tamén sofren esta situación de colapso permanente, desorganización e sobrecarga continuada. Con cada “onda covid” tiveron que adaptarse, abundou a desorganización, ordes equívocas, sobrecarga...

O persoal do CHUAC, cun déficit histórico de persoal que afecta a tódalas categorías, fixo un esforzo durante a pandemia, renunciando as libranzas, dobrando quendas de traballo....etc; para poder atender as/os pacientes da área sanitaria. As/os profesionais antepuxeron a atención sanitaria á conciliación da vida familiar e persoal.

A día de hoxe o persoal aínda non puido nin sequera “recuperar” as súas libranzas, continúan a serlles denegadas; a Xerencia escúdase no “ déficit de profesionais”; mais na realidade tampouco existe unha organización dos recursos existentes que poida paliar isto.

O persoal temporal, lonxe de mellorar a súa estabilidade, continua a vivir en precario, con contratos fraccionados, con chamadas de xa para xa; o que non permite conciliar, nin sequera descansar.

Pero a hora dos aplausos xa rematou, agora necesitamos UNHAS CONDICIÓNS DIGNAS DE TRABALLO. URXE INCREMENTO DE PERSOAL!!, Urxe unha planificación dos descansos do persoal!!, Urxe unha aposta pola sanidade e polos seus profesionais!!

Queremos respecto polas distintas profesións do CHUAC que conforman a asistencia sanitaria. E este respecto demostrase con condicións de traballo dignas que preserven a saúde das/os profesionais e garantan unha asistencia pública e de calidade.

Por todo isto SOLICITAMOS O APOIO DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA, TÓDALAS ASOCIACIÓNS, GRUPOS POLÍTICOS, DE TODA A CIDADANÍA e como non das/os NOSAS/OS PACIENTES; xa que todo isto é para dar UNHA ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA E DE CALIDADE.

Volver