A Consellería de Sanidade négase a retirar o indicador da IT do CPV

  • AgMédica
  • Sanidade Pública

Na MESA SECTORIAL do 23 de xuño de 2026 tratouse este tema a solicitude de CIG-Saúde, e a Dirección da Consellería de Sanidade, representada pola Secretaria Xeral Técnica da Consellería e a Subdirectora de Inspección, negáronse a retirar o indicador: Incapacidade temporal. Cumprir os tempos estándar para os procesos que cursen alta no período xaneiro-decembro 2026”.

Desde a Consellería de Sanidade indican que os Acordos de Xestión (ADX) son asinados entre o Servizo Galego de Saúde e as Xerencias das súas Áreas Sanitarias e que non son condicións laborais.

CIG-Saúde exixiu que os indicadores deses ADX que sexan aplicados ás profesionais, na medida que teñen impacto na retribución do Complemento de Produtividade Variable (CPV), deben ser tratados, negociados e regulados na Mesa Sectorial. CIG-Saúde recorda que a porcentaxe de cobro da CPV condiciona o progreso nos graos da Carreira Profesional.

CIG-Saúde advirte que esta contra prestación económica, por dar as altas antes, racha a confianza entre profesionais e pacientes, xa que os pacientes poden sentir que se lles dá a alta porque o profesional vai ter unha retribución engadida.

CIG-Saúde defende que a duración dos procesos de IT non depende do profesional que indica a baixa, depende, entre outras, das características do paciente, da súa patoloxía, das condicións do seu posto de traballo e das listas de agarda que teña que soportar para ter un diagnóstico, un tratamento ou a rehabilitación do seu proceso.

A Consellería de Sanidade está a modificar o programa de xestión da IT para que se poidan incorporar causas da demora, pero para CIG-Saúde isto non é suficiente.

Seguimos insistindo na retirada do indicador da duración da IT do CPV.

Volver