A Consellería de Sanidade presenta outro parche aos problemas de Atención Primaria
CIG-Saúde rexeita o documento presentado polo SERGAS o 5 de decembro para regular a voluntariedade
- Atención primaria
- Sanidade Pública
Para CIG-Saúde, antes de estabelecer calquera regulación sobre a voluntariedade, é imprescindible garantir unhas condicións laborais dignas. Sen isto, non haberá persoal disposto a asumir voluntariedade.
Ademais, debe quedar establecido que a voluntariedade é a última opción, sempre despois de esgotar as listas de contratación e tamén cando as prazas estruturais non se cubran. No documento actual inclúese ao persoal de enfermaría nunha situación que non se corresponde coa súa realidade de dispoñibilidade.
No caso do persoal de PAC, é imprescindible resolver de inmediato o problema do cómputo de xornada. Levamos anos denunciando que se está a recortar tempo laboral ao persoal deste ámbito e non é aceptable que ao gozar dun permiso ou estar de baixa por IT se deba xornada.
Desde CIG-Saúde solicitamos a elaboración dun Plan de Ordenación que teña en conta o criterio dun máximo de 30 atencións urxentes por quenda e equipo para dimensionar axeitadamente os equipos dos PAC.
O persoal de atención ordinaria sofre axendas interminables, prolongando a súa xornada moitas veces máis alá do horario laboral. É necesario un plan de ordenación realista: analizar cargas de traballo definindo axendas de máximo 28 consultas, definir necesidades…. Hai que revisar as carteiras de servizo de todas as categorías, incorporar os recursos necesarios e eliminar burocracia innecesaria. Só así mellorará a carga laboral.
En resumo, esta proposta do SERGAS supón “comezar a casa polo tellado”. Primeiro hai que identificar necesidades reais e aplicar solucións urxentes.
En canto ao procedemento, existen múltiples puntos de desacordo:
– O persoal con nomeamento de substitución tería que asumir a atención continuada que elixa o titular da praza. A voluntariedade debe ser sempre iso: voluntaria.
– A voluntariedade proposta non é equitativa para o persoal médico de atención ordinaria e de PAC, xa que se ofertan incentivos económicos e doutro tipo só para o persoal de ordinaria e non para todo o persoal. Ademais, non entendemos por que os tramos son distintos para atención ordinaria e PAC; deberían aplicarse os mesmos criterios. Desde CIG-Saúde manifestamos que os incentivos e os tramos deben ser negociados e aplicados a todo o persoal, sen discriminacións.
– Rexeitamos a puntuación adicional. CIG-Saúde considera inxusto que para acceder a unha praza fixa conte a realización de xornada complementaria.
– O documento inclúe cuestións alleas á voluntariedade, como regulación dos plans funcionais de PAC ou a situación dos sábados pola mañá, que non deben regularse aquí.
– Establécese un tratamento desigual dos sábados pola mañá segundo sexa persoal de PAC ou de atención ordinaria.
Estas son só algunhas das cuestións que evidencian que CIG-Saúde non pode aceptar este borrador.
Por iso esiximos ao SERGAS:
- Que aprace a regulación da voluntariedade ata mellorar as condicións de traballo de todo o persoal de atención primaria.
- Que estableza criterios baseados na equidade e conte, en primeiro lugar, co persoal dispoñible nas listas de contratación.
Outra Atención Primaria é posible!!
Novas Relacionadas
Últimas novas