A docencia MIR en Medicina Familiar e Comunitaria e a petición dun “MIR extraordinario”

A petición do Presidente do goberno galego Núñez Feijóo dun MIR extraordinario da especialidade de medicina familiar e comunitaria é falaz, e sábeo ben

  • AgMédica
  • Sanidade Pública

Este goberno leva desde o ano 2009 recortando prazas de médico/a de familia: “imos facer máis con menos”. Nos anos 2012 e 2013 publicaron os Planos de Ordenación de RRHH do SERGAS, os devanditos planos recollían o número de profesionais da sanidade que se ían xubilar nos próximos anos.

Polo que, o goberno galego sabe desde hai anos que faltan profesionais para cubrir todas as prazas existentes e as próximas vacantes por xubilación.

 

A falta de profesionais non é unha novidade mais o SERGAS nunca atendeu este problema.

Certo é que son necesarios/as máis médicos/as de familia, certo é que unha das medidas necesarias é incrementar o número de MIR en formación, pero o sistema sanitario non ten moita máis capacidade docente. Sobre todo se queremos profesionais ben formados/as no noso sistema sanitario.

 

Explícase polos seguintes motivos:
  • O MIR de medicina familiar e comunitaria é de 4 anos de duración nos que debe desenvolver unha serie de competencias e habilidades, adquirir uns coñecementos e superar unhas avaliacións que constan explícitas no programa de formación. Durante os 4 anos ten un/ha titor/a médico/a de familia dun centro de saúde responsable da formación e asignado individualmente. É un/ha titor/a seleccionado/a polo propio MIR, que lle fai o seguimento da súa formación, asesora e aconsella. O primeiro ano de MIR este/a está 3 meses no centro de saúde, o segundo e terceiro un mes e o cuarto todo o ano. O resto do tempo está rotando por diferentes servizos hospitalarios adquirindo as habilidades propias desas especialidades e ademais realiza gardas médicas tanto no servizo de urxencias hospitalario como nos puntos de atención continuada (PAC).
  • Tanto as/os docentes dos servizos especializados hospitalarios como as/os docentes da propia especialidade, medicina familiar e comunitaria, son limitados. Hai dificultades de ampliación do número de residentes rotando en varios servizos hospitalarios pero hai ausencia de máis titores/as nos centros de saúde, e peor vai ser nos próximos anos onde se van xubilar moitos/as dos/as actuais. Os/as que cumpran 62 anos de idade e se xubilen aos 65 xa non poderán ser titores/as dos/as novos/as MIR xa que non estarían no cuarto ano de residencia. A xubilación de titores/as, a efectos docentes de novos/as MIR, é real aos 62 anos.
  • O/a titor/a de MIR debe ter estabilidade nos 4 anos de formación, polo que debe ser un/ha facultativo/a con praza fixa nun centro docente. Estes centros de saúde están nas cidades ou no seu arredor, na proximidade do hospital onde pasan moitos dos meses de formación. A realidade é que os centros docentes, das cidades, contan con profesionais máis envellecidos/as. E as prazas destes centros son ofertadas con contratos eventuais. Ao non ser ofertadas como prazas de interinidade, estas non poden ser convocadas, nin ao concurso de traslados, nin ser ofertadas nas prazas de oposicións. Impedindo que moitos/as profesionais con gañas e interese,  poidan estar nunha praza docente (á que o SERGAS non lles dá acceso). Así é imposible aumentar o número de titores/as e a responsabilidade é exclusivamente do goberno galego, pola súa política de recursos humanos.
  • A titoría e a docencia non están incentivadas. Nin está remunerada, que tampouco se pide, nin ten tempo propio ou outros estímulos profesionais que o fagan atractivo. Pode considerarse un deber ético profesional pero a realidade é que nin é obrigatorio nin sería adecuado que o fose. O beneficio da titoría é a satisfacción da docencia en si e o estímulo de actualización en coñecementos que xera a responsabilidade do posto, pero nada máis. O/a profesional, saturado/a pola demanda asistencial, pode ver esta actividade máis como unha carga que como unha vantaxe.
 
O goberno galego é responsable desta situación, leva anos sen facer os seus deberes e ten na súa man resolvela, mediante a:
  • Cobertura de todas as vacantes con persoal que vaia estar cando menos catro anos nos centros docentes ou potencialmente docentes.
  • Oferta de todas as prazas vacantes nestes centros aos/as profesionais.
  • Incentivo da figura da titoría con estímulos profesionais, tempo propio para esta actividade no horario laboral e oferta de formación.
 
Con maior capacidade docente débese aumentar o número de MIR, mentres tanto a petición de Feijóo é simplemente un intento de trasladar o fracaso da súa política a outro goberno, e unha escusa para eludir a súa responsabilidade, nada máis.

Volver