A folga convocada en Atención Primaria forza os primeiros compromisos da Administración, pero segue activa ante a falta de medidas concretas
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
As organizacións sindicais do comité de folga —CIG, CSIF, CCOO e UGT— mantiveron hoxe unha intensa reunión coa Consellería, na que, grazas á presión exercida pola convocatoria de folga, conseguiron que a Administración retirase o documento imposto na mesa sectorial o pasado 17 de outubro.
A Administración viuse tamén obrigada a comprometerse a non continuar coa reconversión de máis prazas de FEAP a partir de 2026, así como a convocar en xaneiro o concurso específico de enfermería familiar e comunitaria, demandas que as organizacións sindicais levan tempo reclamando.
A pesar destes avances, a xuntanza prolongouse durante máis de seis horas sen que a Administración ofrecese propostas reais nin medidas concretas, limitándose unha vez máis a falar de prazos sen asumir compromisos efectivos. As organizacións sindicais denunciamos esta falta de resposta e reiteramos que sen avances claros non haberá acordo posible.
A negociación retomarase o vindeiro luns e a convocatoria de folga continúa plenamente activa ata acadar solucións satisfactorias para todo o persoal afectado.
Novas Relacionadas
Últimas novas