A Fundación Novoa Santos condena o persoal investigador á precariedade ao non aplicar o convenio

A dirección considera que este persoal traballa de xeito altruísta e non necesita categorías profesionais nin salarios dignos

  • Institutos investigación
  • Sanidade Pública

O comité da Fundación Profesor Nova Santos (entidade que xestiona o  Instituto de Investigación Biomédica -IBIC- asociado ao CHUAC, vén de emitir un comunicado público para denunciar que a dirección da entidade está negando ao persoal investigador a adscrición á categoría profesional que lle corresponde, segundo o convenio colectivo recentemente asinado. A pesar de que a pandemia puxo en evidencia a importancia da investigación biomédica, a dirección da FPNS négase a aplicar de forma axeitada o convenio mantendo na precariedade a máis do 80% do persoal investigador.

Estas prácticas, alertan, supoñen un duro golpe ao persoal investigador do INIBIC-CHUAC a quen se lles nega o dereito a ter un salario digno e unha carreira profesional. Como consecuencia, de forma repetida no se lles permite participar en proxectos de investigación, algo que constitúe a base da súa carreira científica, do progreso e da competitividade dos grupos de investigación do INIBIC-CHUAC.

A investigacións hospitalaria en xogo

En Galiza, a investigación hospitalaria está xestionada por tres Fundacións Biomédicas que están asociadas ás tres grandes áreas sanitarias e hospitais (Santiago, Vigo e A Coruña). Hai un ano firmouse o primeiro Convenio Colectivo de Fundacións de Investigación Sanitarias Galegas, que trata de regular a situación do persoal investigador e de xestión dos tres centros de investigación biomédica, así como promover una carreira profesional na investigación sanitaria galega.

De 153 profesionais que constan no censo da empresa, só 20 teñen categoría de persoal de investigación

No caso da Coruña, a Fundación Profesor Novoa Santos (FPNS), órgano xestor do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC), é a encargada de aplicar este convenio ao persoal investigador e de xestión no seo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Pero o comité contempla "coa máxima preocupación" o pouco interese por parte da FPNS en aplicar correctamente un convenio de mínimos. A FPNS está adscribindo á inmensa maioría do seu persoal investigador á categoría de persoal de apoio, sen ter en conta os seus méritos no tipo de traballo que desenvolve, alegando que o persoal de apoio pode 'de forma altruista' desenvolver tarefas de investigador, tales como a dirección de teses doutorais, a dirección de proxectos de investigación, a publicación de traballos científicos etc., sen que isto implique que teñan que estar na categoría de investigador correspondente segundo o novo convenio laboral.

A representación social denuncia que esta práctica de desprestixio e acoso laboral ao persoal investigador vén sendo habitual na FPNS "e sitúanos na precariedade e total desacougo". Non ocorre o mesmo nas Fundacións Biomédicas de Santiago e Vigo, onde se está aplicando o convenio correctamente. De feito, lembran que a dirección da FPNS intentou insistentemente illar á fundación para que non formase parte do convenio laboral galego. Como resultado, "a xestión da entidade conseguiu situar ao persoal investigador do INIBIC como o máis precario de toda a investigación sanitaria galega".

A dirección da FPNS está desgastando e minguando a investigación sanitaria

No comunicado de prensa, o comité explica que a carreira investigadora sanitaria se sustenta en diferentes categorías profesionais; desde persoal Investigador Xefe de Grupo (R4), Persoal Investigador Director de proxectos non xefe de grupo (R3), Investigador Posdoutoral (R2), Investigador Predoutoral (R1) e Persoal Técnico, de Apoio e Xestión.

A raíz da sinatura do convenio, a Fundación Nova Santos encadrou o seu persoal, "unilateralmente e sen contar co comité nin cos seus responsábeis funcionais, nas categorías que considerou segundo o seu criterio, de tal xeito que, de 153 profesionais que constan no censo da empresa, só 20 teñen categoría de persoal de investigación".

Deste xeito, só hai dúas xefas de grupo (R4), unha investigadora directora de proxectos non xefa de grupo (R3), 8 investigadoras/es posdoutorais e 9 investigadoras/es predoutorais. O resto de investigadoras/es da empresa (estímanse unhas 50 persoas) foron incluidas/os pola dirección da FPNS na categoría de “persoal de apoio". Esta decisión, aclara o comité, sería equivalente a que na universidade a unha catedrática ou profesor titular se lle asignase a categoría de persoal de administración e servizos.

Entre o persoal asignado á categoría de apoio hai estudantado realizando a súa tese doutoral, definido pola RAE como “traballo orixinal de investigación”. "É inaceptábel que non se recoñezan como persoal investigador. Este 'persoal de apoio' queda fóra da carreira profesional de investigador e, ademais, acláraselle desde a dirección da FPNS que, en caso de que faga méritos, isto será de xeito voluntario e altruísta e nunca terán acceso a una categoría de persoal investigador, aínda que realicen as tarefas propias desa categoría".

Entre as escusas que a entidade ofrece ao comité hai algunhas afirmacións tan rechamantes como que “a investigación sempre tivo un compoñente altruísta"

Hai que salientar que os e as directoras dos proxectos de investigación -que conseguen os fondos para realizar tarefas de investigación- non están de acordo con esta política de contratación, "ou descoñecen a realidade por desinformación malintencionada por parte da dirección da FPNS".

Redución do persoal investigador ao 13%

Para o comité chama a atención o feito de que o cadro de persoal investigador contratado pola FPNS durante os anos 2016-2019 supoñía o 46% do persoal total e que, desde a aprobación do novo convenio laboral, "a FPNS decidiu, unilateralmente e sen contar co comité, menoscabar as categorías profesionais, reducindo o persoal de investigación ao 13%, botando por terra o propio convenio que precisamente está confeccionado para promover a carreira investigadora".

Entre as escusas que a entidade ofrece á representación social hai algunhas afirmacións tan rechamantes como que “a investigación sempre tivo un compoñente altruísta”. Tamén consideraron que “non por facer méritos un investigador ten que subir de categoría profesional”.

A este respecto, o comité apunta que a política de RRHH da FPNS está sendo orientada por unha asesoría con sede en Madrid "que afasta a esta entidade dos obxectivos marcados nos seus estatutos, entre os cales resaltamos: 'a Fundación ten por obxecto impulsar a investigación, a docencia, a formación, o desenvolvemento científico-tecnolóxico e a innovación no ámbito sanitario en Ciencias da Saúde'”.

Non se debe esquecer que o obxectivo último da investigación biomédica é a xeración de novo coñecemento sobre a orixe das enfermidades e os seus posíbeis tratamentos, e finalmente a súa transferencia á práctica clínica. Este desprezo ao traballo e esforzo que realiza o persoal da FPNS tradúcese nun desperdicio do potencial de mellora clínica. Por iso, o comité chama a  dirección da FPNS a "recapacitar sobre a súa responsabilidade nesta perda e a resultante peor calidade de atención ás e aos pacientes".

Perda de talento e menos fondos para investigar

As consecuencias desta nefasta xestión e política de desgaste por parte da dirección da FPNS "son devastadoras". Por unha parte, imposibilita o acceso do persoal investigador a unha carreira profesional e por outro lado reduce a competitividade na captación de fondos e do novo persoal investigador.

É importante destacar que en datas recentes se aprobou a emenda 250 á reforma da Lei da Ciencia, o que permitirá regular a carreira investigadora e a situación dos e das investigadoras no Sistema Nacional de Saúde. Non obstante, se as entidades/fundacións que xestionan a investigación biomédica non adscriben o persoal na súa categoría profesional correspondente, este non terá acceso á carreira investigadora, "diminuíndo todo o esforzo e talento captado para a nosa cidade e hospital durante estes 50 años do CHUAC".

O custo desta xestión nefasta da I+D+i, advirte o comité, será a perda de talento e capacidade de captación de fondos autonómicos, nacionais, europeos ou internacionais, "algo que non nos podemos permitir no noso hospital e na nosa cidade", conclúen.

Volver