A inacción da Xerencia leva a ter que solicitar a paralización da actividade na UCI de Adultos tras detectarse un risco importante

CIG-Saúde de Compostela presenta denuncia na Inspección para que requira á Xerencia o cumprimento da normativa de prevención

  • Santiago

A nefasta xestión e a falta de actuación da Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza para resolver as problemáticas que afectan á UCI de Adultos do Hospital Clínico levan a CIGSaúde de Compostela a ter que presentar denuncia na Inspección de Traballo solicitando a paralización inmediata da actividade nesta unidade mentres non se garanta a seguridade de profesionais e doentes.

A denuncia faise despois de que na avaliación realizada a principios de decembro se detectara na UCI-A un risco importante na exposición á Covid-19, o que segundo os protocolos obriga a Xerencia a realizar unha planificación preventiva e adoptar de maneira inmediata unha serie de medidas para controlar e reducir estes ricos, tales como contar con box pechados individuais cunhas dimensións adecuadas para a atención a doentes críticos; prever as necesidades de equipamento; adecuar o número de box á presión asistencial; ou dotarse dos medios humanos e materiais que sexan precisos.

Pero neste momento, e a pesar do contundente resultado da avaliación de riscos, de que as traballadoras e traballadores da UCI-A levan nove semanas en folga para esixir unhas condicións dignas e dos gromos que se están producindo, a realidade é que a Xerencia continúa sen corrixir as deficiencias e sen aplicar as medidas preventivas para minimizar as posibilidades de contaxio e protexer a saúde do persoal sanitario e dos doentes.

Chegar ao punto de ter que solicitar a paralización da actividade na UCI-A (unidade de referencia para as persoas enfermas de Covid-19) polo riscos que existen é unha mostra máis da ineptitude desta Xerencia, da súa irresponsabilidade e da súa absoluta desidia á hora de implementar as medidas necesarias, malia estarmos xa en plena terceira vaga de contaxios.

Levamos meses reclamando que se acometan as reformas comprometidas para resolver as deficiencias estruturais desta unidade e demandando medidas organizativas e preventivas que permitan traballar e recibir atención sanitaria en condicións de seguridade, sen que até o momento se fixera unha soa actuación neste sentido. O desleixo é tal que a Xerencia nin sequera atende as reivindicacións para a renovación do material deteriorado ou en mal estado
nin as referidas á falta de material funxible para os distintos aparellos.

Resulta inconcibíbel que, no medio dunha pandemia mundial, haxa que acudir á Inspección de Traballo para pedir a paralización da actividade desta UCI. Pero diante de semellante desidia, a CIG-Saúde de Compostela vese na obriga de ter que formular esta denuncia esperando que ante os requirimentos da autoridade laboral a Xerencia, por fin, asuma as súas responsabilidades e cumpra coa normativa de prevención.

Volver