A radioloxía no CHUAC

  • A Coruña
  • Sanidade Pública

O servizo de radioloxía do CHUAC está no límite de prestación de servizos, con gran sobrecarga, escaso recambio xeneracional no persoal facultativo, instalacións algunhas obsoletas e co persoal técnico e celador en conflito. Estanse facendo concentracións diante da porta de urxencias do CHUAC desde outubro pedindo incremento de persoal celador e renovación de material. Onte publicouse unha carta do persoal facultativo que soporta as gardas de radioloxía expresando o exceso de carga de traballo e a necesidade de cambios na organización das gardas e de contratación de radiólogos/as.

Publícase onte despois dun conflito larvado que a Xerencia non sabe resolver. A radioloxía é unha área de inmenso crecemento e investimento tecnolóxico con necesidades constantes de renovación do material e de actualización do persoal. A sanidade pública non debe nin pode vivir das obras caritativas da Fundación Ortega nin se pode xestionar un servizo como radioloxía con iniciativas puntuais, para saír do paso.

Na radioloxía do CHUAC é necesario unha avaliación de necesidades, xa con atraso de anos, e un plan de servizo con áreas de futuro a incorporar, coa tecnoloxía e persoal adecuado e formado. Un plan atractivo, capaz de reter e atraer profesionais e que responda ás novas demandas, multiplicadas tanto cualitativa como cuantitativamente.

Despois de anos de ir cubrindo ocos agora temos un grupo de radiólogos/as insuficiente para cubrir as quendas de garda, profesionais sometidos a unhas condicións de traballo que incluso dificultan reter aos propios médicos/as residentes formados/as no servizo.

Urxe xa incrementar as quendas de persoal celador para evitar as aglomeracións de pacientes nas salas de radioloxía, teñen que resolvelo dunha vez!, non é para tanto o que se pide, e aquí non hai problema de falta de traballadores/as nas listas de contratación. Urxe resolver o problema das gardas de radioloxía coa incorporación de máis especialistas, sexa en comisión ou con novas contratacións, non hai outra forma, non se pode precarizar máis este traballo. Pero non esquezamos o importante: contar cun proxecto de servizo que poña á radioloxía do CHUAC na mirada da radioloxía española pola súa capacidade profesional, docente e investigadora, presente nas áreas de futuro de coñecemento desta especialidade e que responda con accesibilidade e calidade ás demandas da poboación.

A resposta da Xerencia está sendo incorrecta, ata podería etiquetarse de neglixente, pode verse tamén como un recoñecemento da súa incapacidade de xestión dos últimos anos ao contratar agora unha consultora externa para que dea solucións.

Ocupan portadas as colas das urxencias e as listas de espera do hospital e de atención primaria pero non esquezamos que os servizos centrais, como o de radioloxía, son esenciais en toda a actividade sanitaria. Un luxo a coidar e mimar entre todos.

A Xerencia debe cumprir co urxente e co importante para seguir contando cun moi bo servizo de radioloxía na Área Sanitaria.

Volver