A responsabilidade na certificación da defunción

CIG-Saúde solicita reunión co Xerente do SERGAS para falar dos certificados de defunción

  • AgMédica

Desde a publicación do “Protocolo para a coordinación de actuacións nas defuncións e a súa certificación” temos múltiples consultas de profesionais con dúbidas sobre a emisión de certificados de defunción (CMD) nos casos nos que non se pode “reconstruír fiabelmente os mecanismos da morte”.

A sensación que se nos traslada é que o “Protocolo para a coordinación de actuacións nas defuncións e a súa certificación” non responde ás necesidades das e dos profesionais da sanidade pública á hora de certificar a morte senón á necesidade de diminuír o número de mortes que se derivan á vía xudicial.

O “protocolo”:

  • non establece os procedementos que garantan a seguridade na certificación nos casos de non poder determinar os mecanismos da morte,
  • non define os procedementos nos que se pode recorrer as autopsias clínicas,
  • non deixa máis alternativa que certificar, incluso nos casos nos que non se poidan acreditar os mecanismos da morte, agás nos supostos concretos nos que se poida abrir a vía xudicial mediante o anexo 3 “Parte de defunción ao xulgado de garda”.

O “Protocolo” recolle que “Nos casos excepcionais en que, existindo a vontade de emitir o CMD, o facultativo teña dúbidas, poderá poñerse en contacto co médico forense de garda. Tamén poderá requirir a colaboración das FF.CC.S.E. se o considera necesario” pero non establece os procedementos para facelo nin en que consiste esa colaboración.

CIG-Saúde entende que, de non poder acreditarse os mecanismos da morte, o persoal facultativo ten que ter unha vía alternativa á certificación que permita realizar unha investigación máis exhaustiva das causas da morte e que o CMD sexa emitido polos profesionais responsables desa investigación. O persoal facultativo non ten por que asinar un certificado se non coñece cunha alta probabilidade a causa da morte.

É RESPONSABILIDADE DA ADMINISTRACIÓN QUE A CERTIFICACIÓN DA DEFUNCIÓN SE FAGA CON GARANTÍAS PARA AS FAMILIAS E AS/OS PROFESIONAIS

Volver