A Valedora do Pobo admite a queixa da CIG-Saúde pola discriminación salarial que padece o persoal do SERGAS
A Xunta négalle a este colectivo a posibilidade de cobrar a contía total do complemento específico
A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada pola CIG-Saúde a respecto da discriminación salarial que sofre o persoal do SERGAS, a quen a Xunta lle vén denegando a posibilidade de cobrar a contía total do complemento específico, tal e como xa percibe o resto do persoal da administración autonómica.
Este complemento, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, retribúe as condicións particulares dos postos de traballo en atención á dificultade técnica, formación, responsabilidade, perigosidade ou a penosidade, "pero aínda que tamén somos empregadas e empregados da Xunta", existe unha diferenza entre o plus que percibe o persoal do SERGAS e o persoal de categorías similares do resto da administración de entre 200 e 400 euros/mes.
“É dicir, un traballador da Xunta que traballa de luns a venres percibe entre 200 e 400 euros ao mes máis que o persoal do SERGAS, que fai atención directa e ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano, coas consecuencias físicas e mentais que este tipo de xornadas implican", apunta a secretaria da CIG-Saúde.
Abuín lembra que no acordo retributivo 2008-2012 xa se recollía o compromiso dunha nova negociación no ano 2013 para acadar a contía do complemento específico que a Orde de nóminas da Xunta de Galiza recoñece para as empregadas/os públicos. Porén, a chegada á presidencia de Feixoo supuxo deixar en suspenso estes acordos e conxelar os salarios do persoal do SERGAS nos exercicios 2010, 2011 e 2012. Dende entón, e de maneira sistemática, o Goberno galego negáse a abrir unha mesa de negociación para rematar con esta discriminación salarial e restituír os dereitos arrebatados.
A admisión da queixa da CIG-Saúde, implica que a Valedora do Pobo vai iniciar actuacións ante a Consellaría de Sanidade, que nun prazo de quince días deberá remitir información sobre esta problemática denunciada.
Campaña da CIG pola devolución dos dereitos roubados
Abuín sinala que este é un paso máis na campaña que a CIG-Saúde está a desenvolver para reclamar a devolución dos salarios arrebatados ao persoal do SERGAS desde o ano 2010, para esixir que muden os niveis retributivos que ten cada colectivo para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo e para que se estableza un calendario de recuperación.
"Que mellor maneira de recoñecer o duro traballo que o persoal da sanidade está a desenvolver nesta situación de pandemia que devolvernos os nosos dereitos retributivos", conclúe Abuín.
Novas Relacionadas
Actualmente non hai novas