A Xerencia da área sanitaria de Pontevedra O Salnés contrata para fin de ano ambulancias e persoal externos, sen información nin garantías, deixando catro PAC sen médica/o.

  • Pontevedra

CIG-Saúde denuncia a contratación de dúas ambulancias medicalizadas cun contrato externo, sen que as profesionais que traballaban nese fin de ano tiveran información da súa existencia, nin nos PACs nin no 061. As ambulancias cubriron a quenda das 15:00 do día 31/12 ás 08:00 do 01/01 nos PACs de A Parda e de Baltar, que estaban sen médica/o.

Estas dúas ambulancias de clase C, destinadas a proporcionar soporte vital avanzado, estaban dotadas de persoal técnico de emerxencias sanitarias e de persoal médico, externos ao SERGAS e sen autorización para acceder á historia clínica electrónica dos pacientes.

O persoal médico, ao non ser contratado polas canles establecidas na contratación temporal de persoal estatutario do SERGAS, non tiña capacidade para acceder ao historial clínico das persoas que demandaban asistencia sanitaria nin podían prescribirlles medicación, e tampouco potestade para traballar dentro dos centros sanitarios.

A información que trasladou a Xerencia de Pontevedra sobre centros sanitarios afectados polas faltas de cobertura, non recollía a contratación destes “servizos externos” nin as competencias a desenvolver por estas/es profesionais. Como aparece neste recorte da información facilitada pola Xerencia aos PACs e 061.

CIG-Saúde denuncia a falta de transparencia e información neste tipo de contratacións, que dificulta a necesaria coordinación dos recursos sanitarios para atender urxencias e emerxencias.

CIG-Saúde denuncia que o Xerente da Área sanitaria de Pontevedra O Salnés, ex xerente do 061 e do SERGAS, realice este tipo de contratacións, nestas condicións, que xeran inseguridade para o persoal da Atención Primaria e do 061.

Tamén denuncia a inseguridade das persoas atendidas xa que as/os profesionais non podían acceder á historia clínica para a valoración máis axeitada dos antecedentes e poder facer un diagnóstico e tratamento con máis información.

Volver