A XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DE VIGO CONFIRMA O COLAPSO DA ATENCIÓN PRIMARIA
CIG-SAÚDE xa antes da pandemia tiña denunciado que era preciso tomar medidas urxentes para evitar o seu colapso, a falta de medidas foi contestada con folgas e mobilizacións.
- Vigo
A Xerencia da Área sanitaria de Vigo confirma o colapso da Atención Primaria.
A situación da Atención Primaria na Área Sanitaria de Vigo non é nova, xa antes da pandemia temos denunciado que era preciso tomar medidas urxentes para evitar o seu colapso, a falta de medidas foi contestada con folgas e mobilizacións.
A pandemia non fixo máis que agudizar a situación de precariedade nas condicións de traballo e, como consecuencia, a perda da calidade da prestación asistencial que recibe a cidadanía.
Esta decisión, que non foi comunicada á representación das traballadoras, supón asumir unha realidade que xa se estaba a producir. Non será un problema desprogramar neses centros a actividade programada, pois case era inexistente diante da falta de recursos para poder atendela, xa hai tempo que as actividades que aportan calidade ao sistema sanitario foron substituídas pola atención á demanda do día a día.A Xerencia da Área sanitaria de Vigo comunicou ás/aos profesionais a decisión de restrinxir a actividade nas consultas de medicina de familia de 14 centros de saúde, e so realizar consultas urxentes e actividade relacionada coa COVID-19.
Diante desta decisión da Xerencia da Área sanitaria de Vigo CIG-Saúde pregúntase que medidas pensan adoptar para restablecer a normalidade asistencial nos centros de saúde, recuperando a totalidade das funcións da Atención Primaria, que van máis alá de atender urxencias e pacientes COVID-19, e non vale a desculpa da falta de profesionais, hai cinco anos xa sabiamos que isto sería así e non se tomaron medidas para evitalo.
É hora de escoitar ás profesionais, desenvolver un plan para recuperar a Atención Primaria e dotala de estruturas de xestión e orzamento axeitado, so así poderemos saír do clapso e recuperar a Atención Primaria como un espazo de traballo atractivo para profesionais, que permita recuperar os que se forman en Atención Primaria e rematan traballando noutros ámbitos. Isto permitiría tamén reconstruír a Atención Primaria como un espazo accesible e confortable para os pacientes, recuperando a confianza nos seus profesionais.