A XERENCIA NÉGASE A QUE SE CITEN NAS AXENDAS DE ENFERMARÍA OS TESTS REALIZADOS NOS CENTROS DE ENSINO
- A Coruña
O persoal de enfermaría dos centros de saúde está a realizar os tests da COVID-19 nos colexios e institutos ao persoal docente, con carácter previo ao inicio do curso escolar, un traballo para o que apenas se reforzaron as plantillas e que tivo que asumir forzosamente a enfermaría de primaria cando aínda estamos en periodo vacacional e con ausencias non cubertas na maior parte dos centros.
Desde a nosa central sindical preguntamos á Xerencia pola posibilidade de citar nas axendas dos/as profesionais que realizan este traballo a todas aquelas persoas ás que se fan os tests para que esa actividade quede rexistrada, tendo en conta ademais que boa parte do profesorado non é paciente do Sergas senón de MUFACE. Pois ben, a resposta da Xerencia foi unha negativa rotunda ao rexistro desta actividade.
Desde CIG-Saúde preguntámonos cal é motivo para esta negativa, por qué a Xerencia impide o rexistro destas persoas nas axendas dos/as profesionais da enfermaría (ao contrario do que sucede coa práctica totalidade da actividade realizada). Consideramos que toda a actividade que realizan os/as profesionais debe estar rexistrada, tamén a que inclúe persoas que non son pacientes do Sergas, e non entendemos esta negativa da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña a que se faga algo que entendemos lóxico e de sentido común.
A Coruña, 7 de setembro de 2020
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz
Delegado Sección Sindical de CIG-Saúde
Lucía Peón Soutiño,
Responsábel Comarcal de CIG-Saúde