A Xunda de Persoal do distrito sanitaria da Mariña denuncia o peche da planta de medicina interna durante o verán
CIG Saúde, USAE, SATSE, UGT e CCOO afirman que o peche de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para desmantelar o sistema sanitario público.
- Burela
O máximo órgano de representación dos traballadores e traballadoras considera que o peche da planta de Medicina Interna durante o verán no Hospital da Mariña carece de calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a “unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.
A escusa da falta de profesionais de enfermaría.
A dirección do Hospital xustifica o peche destas camas pola falta de persoal de Enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección. "O persoal de enfermaría, sinalan, 'fuxiu' a outros territorios como Asturias ou País Vasco, en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade”, afirman.
Consecuencias para as persoas doentes e traballadoras.
Este peche de camas terá consecuencias para as persoas doente e suporá o incremento das derivacións ao HULA, ao non existir camas libres no hospital de Burela. Unha práctica que se leva facendo durante os últimos meses "e que está a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da dirección nun hospital que acaba de ser ampliado”.
Estas medidas tamén provocan un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías.
Pero o peche de camas tamén terá consecuencias para as/os profesionais que serán desprazadas a outros servizos e unidades. "Os calendarios laborais que tiñan asignados decaen, tirando pola borda toda a planificación que tiñan feita para a súa vida persoal durante o verán, provocando entre as traballadoras cabreo, indignación e un incremento do desexo de abandonar o Hospital da Mariña.
No verán tamén se enferma
A Xunta de Persoal sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”.
“Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñaos e mariñás”, finalizan.