A Xunta de Persoal denuncia que a mala xestión da Xerencia provoca problemas no Hospital de Barbanza

  • Santiago

A Xunta de Persoal denuncia a mala xestión da Xerencia da Área de Santiago e Barbanza co desmantelamento do Hospital do Barbanza, coa fuga de persoal facultativo cara a outras áreas e coa precarización dos/as traballadores/as. O órgano de representación denuncia que, para cubrir esta mala xestión "da que só a Xerencia é responsábel", está a obrigar o persoal do distrito de Santiago a cubrir as xornadas de garda no distrito da Barbanza.

O persoal desta área leva sufrindo esta política de precarización dende hai tempo, "escenificada, unha vez máis, o pasado xoves 2 de marzo cando a Comisión de Centro do Hospital de Santiago foi convocada para ser informada da situación crítica do Servizo de Medicina Interna". Unha situación que os/as representantes dos/as traballadores/as xa viñan denunciando en repetidas ocasións.

Critican que as solucións tomadas pola Xerencia levan provocando modificacións substanciais nas condicións de traballo dos/as profesionais de varios Servizos do CHUS, "sendo obrigados a desenvolver quendas ou gardas no Hospital de Bardanza, omitindo o seu deber de estabelecer os mecanismos adecuados para ofrecer un alto nivel de calidade asistencial como recolle a lexislación vixente".

Un hospital sen persoal

O Hospital da Barbanza conta cunha cadro de persoal estrutural de 10 internistas, para atender a unha media de 60 camas diarias. A Xunta de Persoal denuncia que actualmente o cadro atópase reducido á metade "debido a mala xestión dos dirixentes da área sanitaria, pretendendo converter o hospital nun ambulatorio ante a falta de recursos humanos e coa pasividade dos alcaldes da comarca".

Por todo isto, a Xunta de Persoal, como órgano de representación dos traballadores da Área de Santiago e Bardanza, reuniuse o día 9 de marzo e decidiu por unanimidade solicitar aos/ás responsábeis da área, entre outras cuestións, un informe detallado sobre a problemática existente no Servizo de Medicina Interna, así como unha planificación a curto, medio e longo prazo das medidas a tomar para dar solución a esta problemática.

Para a Xunta de persoal a obriga do desprazamento dun distrito a outro dos/as traballadores/as non é a única solución posíbel, e denuncian que non foi informada antes de realizar estes cambios, "senón que os/as traballadores/as foron sometidos as modificacións substanciais das condicións de traballo".

Convocaranse mobilizacións pola falta de solucións

O día 14 de marzo a Xunta de Persoal recibiu por parte da Xerencia unha breve contestación, na non se recollen as peticións arriba recibidas. Pero o persoal de todos os servizos afectados "segue sen coñecer a planificación de cara os vindeiros meses, e segue sendo obrigado a desprazarse a realizar gardas dende Santiago a Ribeira, sen que se lle proporcione trasporte adecuado", denuncian.

Por outro banda, a Xunta explica que tras a supresión dos reforzos nos fins de semana por parte da Xerencia, os/as traballadores/as encóntranse que "de forma arbitraria, nas fins de semana, existen moitos días con un único/a facultativo/a de garda". O que provoca importantes desigualdades en canto as cargas de traballo e coa posíbel repercusión na calidade da atención que se lle presta ás persoas doentes.

Diante de todos isto, a xunta de Persoal avanza que convocará mobilizacións para defender os intereses dos traballadores/as "froito da mala xestión dende a Xerencia e que finalmente están a repercutir nos/as doentes".

Volver