A Xunta non incorpora nos orzamentos 2024 nin a recuperación de dereitos do persoal do SERGAS, nin mellorar as ratios

Desoíu todas as demandas da CIG-Saúde canto a condicións de traballo na sanidade pública

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde denuncia que pese a ter presentado unha batería de medidas tanto na mesa sectorial do SERGAS como na mesa xeral de empregados públicos non tivo ningunha en conta. Os incrementos que se recollen no capítulo 1 dos orzamentos son unicamente os vinculados aos acordos asinados no ano 2023. Porén, non se contempla nin a recuperación dos dereitos laborais, salariais e sociais do persoal do SERGAS, nin mellorar as ratios para garantir unha atención de calidade ás e aos doentes.

Entre outras, as medidas exixidas por CIG-Saúde e que non se incorporaron están:

  • As subas salariais que quedaron pendentes do acordo retributivo 2008-2012. Un acordo suspendido polo PP e que se nega aplicar pese a estar asinado e publicado.
  • A equiparación do complemento específico co persoal da Xunta de Galicia, xa que non se explica que o persoal que traballa na sanidade pública teña unha retribución inferior.
  • A recuperación dos 3 días de libre disposición roubados coa crise.
  • A negociación dunha clasificación profesional, xa que as traballadoras da sanidade non están no nivel que lles corresponde pola súa titulación, condenándoas por elo a retribucións inferiores das que corresponderían.
  • A recuperación das pagas extras, xa que durante a crise se fixo un recorte nestas pagas que nunca foi recuperado.
  • A xubilación anticipada sen perda retribuída. O traballo a quendas, a nocturnidade…sabemos que repercute na saúde das profesionais e por iso deberan de ter unha especial consideración neste tema como ocorre con outras profesións.
  • Exención se noites a partir dos 55 anos sen perda retributiva.
  • Unha mellora nos ratios de profesionais, tanto no ámbito da atención primaria como hospitalaria, xa que na actualidade Galiza ten unhas ratios de profesional/paciente moi inferiores a outras comunidades e moi por debaixo das recomendacións de calquera guía. Isto é, contamos cun menor número de profesionais, para atender a un maior número de doentes.
  • A eliminación da categoría de facultativo especialista de atención primaria.

A CIG-Saúde aposta pola sanidade pública e, para iso, é imprescindible contar con profesionais suficientes. Profesionais aos que se lles poña en valor e se lles recoñeza o seu traballo, xa que de non ser así “non poderemos achegar novo persoal á nosa sanidade pública”.

Para a CIG-Saúde, isto pasa posta en valor do traballo das profesionais pasa por mellorar as condicións de traballo e por iso creemos básicas as nosas peticións.

Porén, ao SERGAS parece preocuparlle que a sanidade privada continúe enriquecéndose, desviando pacientes, como no caso da derivación do aborto, facilitando os trámites para conseguir a compatibilidade entre a sanidade pública e a privada ou comprometéndose a incrementar as retribucións das profesionais que compatibilizan o seu traballo na sanidade pública e na privada.

A CIG-Saúde continuará a defender as condicións de traballo das traballadoras da sanidade pública, pois entende que é a forma de defender á sanidade pública, e denunciando a pasividade do goberno galego.

Volver