Acordos da comisión de seguimento da carreira profesional do 23/12/2022

  • Carreira profesional
  • Sanidade Pública

ACORDO 1. Grao inicial

Os efectos retroactivos aplicaranse tamén ás categorías/ especialidades nas que tivera prestado servizos algún día desde o 7 de agosto de 2018 e que non estea exercendo no momento da solicitude.

Para isto abrirase un novo prazo presentación solicitudes en febreiro-marzo de 2023

ACORDO 2. Sobre o requisito de prestación de servizos entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018 para o encadramento excepcional no grao I

Entenderase cumprido:

  • Se a solicitude do grao I é nunha categoría/especialidade de "persoal licenciado sanitario", cando en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018 se tivera prestado servizos nunha categoría/especialidade de "persoal licenciado sanitario".
  • Se a solicitude do grao I é nunha categoría/especialidade de "persoal diplomado sanitario", cando en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018 se tivera prestado servizos nunha categoría/especialidade de "persoal diplomado sanitario".
  • Se a solicitude do grao I é nunha categoría de "persoal sanitario de formación profesional", cando en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018 se tivera prestado servizos nunha categoría de "persoal sanitario de formación profesional" do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo).
  • Se a solicitude do grao I é nunha categoría de "persoal de xestión e servizos", cando en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018 se tivera prestado servizos nunha categoría de "persoal de xestión e servizos" do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo).

ACORDO 3. Sobre o requisito de encadramento excepcional grao 1 de ter un período mínimo de cinco anos de servizos prestados a 1 de xullo de 2018

Poderán achegarse os prestados como persoal funcionario ou laboral nas seguintes institucións:
1) Institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde transferidas no seu momento á Comunidade Autónoma de Galicia desde as corporacións locais ou a Administración do Estado (procesos de integración no réxime estatutario resultantes do Decreto 447/1996).

2) Hospitais comarcais de Cee, Barbanza, Verín e O Salnés, ACIS/FEGAS, ADOS/CTG, 061, INGO e Galaria/Medtec (procesos de integración no réxime estatutario resultantes do Decreto 91/2007).

ACORDO 4. Sobre o encadramento excepcional no grao I nunha categoría na que actualmente non se prestan servizos (pero si no ano 2018)

Profesional sen ningún grao recoñecido. Non cumpre os requisitos para acceder ao grao I na categoría/especialidade  na que presta servizos actualmente. Sen embargo, se tivera continuado prestando servizos na categoría na que traballou entre 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018, hoxe podería solicitar o grao I nesa categoría/especialidade, pois tiña un período mínimo de cinco anos de servizos prestados o 1 de xullo de 2018.

Neste suposto, e con carácter excepcional, permitirase solicitar o grao I na categoría na que se traballou entre 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018.

ACORDO 5. Asimilación da situación do persoal laboral residente en formación do Sergas (MIR, EIR...)

Para cumprir o requisito de ter prestado servizos (servizo activo ou reserva de praza) en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018; ou o requisito de estar en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data na que se presente a solicitude, terase en conta a prestación de servizos como persoal residente en formación do Sergas sempre que nalgún momento, dentro dos tres meses anteriores ao inicio da vinculación como persoal residente en formación, se tivera estado en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) no Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas.

ACORDO 6. Persoal funcionario e laboral non fixo

O persoal funcionario ou laboral dese ámbito de aplicación do Acordo de carreira profesional (cláusula 4 do Acordo do 6 de xullo de 2018), con vínculo temporal, poderá progresar na carreira nas mesmas condicións ca o persoal con vínculo de fixeza.

ACORDO 7. Períodos asimilados ao servizo activo (ou reserva de praza)

Os períodos aos que se refire o punto terceiro do apartado III da Resolución do 25 de novembro de 2022 (DOG do 5 de decembro), vinculados a situacións de maternidade e paternidade, serán tomados en consideración tamén para os efectos de cumprir o requisito de ter un período mínimo de cinco anos de servizos prestados o 1 de xullo de 2018.

Volver