As/os enfermeiras/os non poden mais

Concentración no HUAC

  • A Coruña

A Comisión de Centro do CHUAC, tras varias reunións coa Xerencia, denuncia a situación grave de descubertos na categoría de Enfermería que estamos a sufrir na área sanitaria da Coruña e Cee.

Atopámonos dende hai anos, e cada vez de xeito máis evidente, ante unha política de contratación de abuso. As condicións de traballo son peores que nunca: as ausencias e os permisos das compañeiras cóbrense, de xeito prioritario, coas denominadas “AUTOCOBERTURAS”, quendas que o persoal xa contratado fai a maiores nas súas libranzas.

Esta fórmula de contratación non respecta o pacto e favorece a precariedade dos contratos que se ofertan, presionando ademais o persoal eventual e fixo a facer quendas sen apenas libranzas.

A mobilización do persoal dun servizo a outro é continua e as axendas de traballo están sobresaturadas a meirande parte dos días xa que non cobren a tódalas profesionais ausentes. Situacións, todas elas, que poñen en risco a seguridade das persoas doentes e sobrecargan a profesionais nunha área sanitaria onde as enfermeiras xa asumen máis doentes que en calquera outra área sanitaria do país.

E cal é a resposta desta Xerencia ante este panorama? A pasividade. Na última reunión, solicitada dende esta Comisión, á que non se presentaron nin o Xerente nin o director de Enfermaría, negan dende Recursos Humanos que exista un problema nas coberturas. Mostra clara e evidente de que non teñen plan, nin tampouco capacidade para asumir esta situación.

Ante a fuga de enfermeiras que vive a sanidade pública no país cabe pensar que ofrecer melloras na estabilidade e nas condicións de traballo podería ser unha solución para fidelizar a estas profesionais. Pero é máis fácil abusar das/os traballadoras/os que elaborar un plan de abordaxe da situación e iniciar unha folla de ruta que resolva a situación na que nos atopamos inmersos.

A que agardan? A que ocorra un erro por falta de persoal ou sobrecarga do mesmo? É cuestión de tempo…

Volver