Badaladas pola prevención do suicidio 2024
Comunicado do MGSM no día mundial da prevención do suicidio
O 10 de setembro é a data marcada no calendario como o Día Mundial da Prevención do Suicidio para recordar que o suicidio existe como un dos principais problemas de saúde pública, pero tamén que poden levarse a cabo accións preventivas eficaces que permitan reducir as mortes por esta causa.
Promovido pola Asociación Internacional da Prevención do Suicidio (IASP) e apoiado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) desde o ano 2003, o establecemento dunha data específica permite estruturar unha serie de obxectivos e accións que comprometan aos Estados, concienciando sobre a necesidade de abordar unha situación tan complexa e urxente como é o suicidio.
Baixo o lema elixido para este ano 2024, “Cambiar a narrativa”, a IASP destaca a necesidade de transformar a forma en que percibimos a realidade do suicidio e abrirse ao diálogo aberto e honesto na comunidade, nas organizacións e nos gobernos.
Podemos dicir que en Galicia a cidadanía fixo un valiosísimo esforzo por derribar os muros de silencio arredor do suicidio, moi por diante de organizacións e gobernos. A Campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio de 2016 serviu como catalizador desa sensibilidade cidadá que esixía unha resposta firme ante un problema que en Galicia é especialmente preocupante e ante o que, de forma paradoxal, asumíase como inevitable e case irresoluble. Os gobernos da Xunta de Galicia víronse así impelidos a desenvolver políticas públicas de prevención e intervención.
Deste modo, conseguiuse que a prevención do suicidio e a atención á saúde mental formara parte do debate público e da axenda política, da orde do día no Parlamento e en partidas específicas dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia. Tamén trasladouse a políticas locais en distintos concellos galegos.
Sen embargo, queda moito por facer. Debemos recordar que en Galicia case cada día falece unha persoa por suicidio. Son moitas máis as persoas que realizaron tentativas ou teñen pensamentos autolíticos. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, cada día unhas 12 persoas chaman desde Galicia á Liña 024 de prevención do suicidio. Á espera dos datos oficiais do IMELGA, que un ano máis se atrasan de forma inxustificable, a información provisional do Instituto Nacional de Estatística de 2023 non deixa lugar ao optimismo. Pequenas variacións anuais non reflicten unha tendencia estable no tempo en canto a redución da taxa de mortalidade.
Somos conscientes que o traballo en prevención non produce resultados inmediatos, xa que require estratexias planificadas e sostidas na súas accións, con avaliación repetida de proceso e resultados e cunha fonte de financiación garantida no tempo. Por iso, insistimos que queda moito por facer xa que, entre outras cuestións, hai liñas estratéxicas no Plan Galego de Prevención do Suicidio que nin sequera se iniciaron 7 anos despois, como todo o relacionado coa investigación e alerta epidemiolóxica. Aínda non sabemos por que se suicida a xente. Outras liñas de investigación apenas comezan a desenvolverse ou non coa intensidade necesaria, como a coordinación interinstitucional ou campañas de sensibilización a través dos medios de comunicación.
Hai demasiado marxe de mellora. Deberamos ter conseguido un maior desenvolvemento do plan e máis avances, e non só anuncios repetidos e promesas políticas. Cambiar a narrativa non é apropiarse do discurso, senón que require un cambio sistémico que logre avances nas accións.
Un ano máis, o Movemento Galego da Saúde Mental fai un chamamento á cidadanía a participar no acto Badaladas pola Prevención do Suicidio que terá lugar o martes 10 de setembro, na Praza de Praterías (Santiago de Compostela) ás 20:00 horas.