Batería de propostas da CIG para a recuperación real dos salarios e do emprego no sector público

A Área Pública convocará mobilizacións se os Orzamentos do Estado e da Xunta non recollen as súas reivindicacións

  • Orzamentos
  • Sanidade Pública

A Área Pública da CIG remitiu o pasado venres escrito á secretaria de Estado de Función Pública solicitando a convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociacións para abordar as medidas debe conter o Proxecto de Lei dos Orzamentos do Estado para 2023, de maneira que permitan a recuperación real e efectiva dos salarios e dos niveis de emprego público. A CIG-Área Pública (CIG-Administracións Públicas, CIG-Ensino e CIG-Saúde) xa avanza que convocará mobilizacións a partir do mes de outubro se o Goberno español e a Xunta de Galiza non atenden as súas propostas para combater a precarización e o deterioro dos servizos públicos.

A CIG non asumirá unha suba salarial do sector público que estea ligada aos beneficios empresariais"

O voceiro da Área Pública da CIG, Luis Carballo, subliña que dende o estoupido da crise de 2008, o persoal empregado público está sufrindo un continuo recorte dos seus salarios, de tal xeito que a perda acumulada do poder adquisitivo ascende xa ao 17%. A isto hai que engadir o deterioro progresivo dos dereitos laborais imposto baixo a escusa da crise: ampliación das xornadas, suspensión dos convenios colectivos, eliminación de permisos e licencias ou reducións de retribucións en situacións de incapacidade temporal.

No actual contexto no que a carestía da vida medra imparábel (cun IPC que xa supera os dous díxitos), a CIG rexeita que se pretenda acordar unha suba salarial para o persoal das administracións no marco dun pacto de rendas "no que as grandes empresas imporán sempre o seu interese económico por enriba do servizo público". Por esta razón, adianta Luis Carballo, a CIG non asumirá unha suba salarial do sector público que estea ligada aos beneficios empresariais.

Eliminar as taxas de reposición

Pero os recortes aplicados nos últimos 12 anos afectan tamén ao propio funcionamento das  administracións públicas, de tal modo que a continuada e sistemática redución das prazas nos cadros de persoal e as elevadísimas taxas de temporalidade levaron á asfixia das administracións. "Na CIG levamos moito tempo reclamando que a única posibilidade de manter uns servizos públicos universais e de calidade e superar a alarmante temporalidade pasa por eliminar calquera taxa de reposición", afirma.

Cada administración ten que poder definir, en función das súas necesidades e  orzamentos, as prazas necesarias para manter os servizos públicos"

Carballo defende que cada administración ten que poder definir, en función das súas necesidades e dispoñibilidade orzamentaria, as prazas necesarias para manter os servizos públicos, sen limitacións. "Pois de nada vale neste sentido aprobar un tras outro plans de estabilización que non resolven en absoluto as condicións de precariedade nas que se prestan os servizos públicos, mentres se manteñen as taxas de reposición, co agravante de que xa non veñen impostas, senón que son froito do acordo coas organizacións sindicais estatais", denuncia.  

Por estas razóns, a Área Pública da CIG levará á Mesa Xeral de Negociación das AP unha batería de propostas en materia de retribucións e de emprego que entende deben servir de base para haxa "unha negociación de boa fe". Con estas medidas "demandamos do Goberno do Estado e das distintas Administracións Públicas que recoñezan o esforzo soportado durante a crise polas persoas empregadas públicas e se restitúan os dereitos e as condicións de traballo suprimidas, en lugar de convertelas en vítimas permanentes dunhas políticas públicas contrarias aos intereses da clase traballadora en xeral e do persoal empregado público en particular".

PROPOSTAS EN MATERIA DE RETRIBUCIÓNS

- Suba salarial do 5% en cada unha das tres anualidades (2022-2024), con efectos retroactivos para o presente exercicio, para recuperar o 17% de poder adquisitivo perdido no período 2010-2022.

- A incorporación dunha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC efectiva ao final de cada anualidade.

- Recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron rebaixadas polo RDL 8/2010.

- Modificación na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 do disposto no artigo 3 do Real Decreto-lei 24/2018, de 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público, para facer posíbel o desenvolvemento da carreira profesional e a implantación do novo sistema retributivo deseñado polo Estatuto Básico do Emprego Público.

- No mesmo senso, a central considera necesario que se derrogue o apartado 2 do artigo 7, do RD 861/1986, polo que se establece o réxime de retribucións do persoal funcionario da Administración Local, que impón uns límites hoxe innecesarios e incompatíbeis co novo sistema retributivo deseñado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, e a lexislación autonómica que o desenvolve.

PROPOSTAS EN MATERIA DE EMPREGO PÚBLICO

- Eliminación das taxas de reposición de efectivos estabelecidas con carácter básico para todas as Administracións Públicas. Deben ser as propias CA e as Administracións Locais, no uso da súa propia autonomía, quen teña a capacidade de planificación e ordenación dos seus cadros de persoal e das súas propias ofertas de emprego público, en función da súa capacidade económica, sen que o Estado impoña medidas innecesarias e contraproducentes.

- Resolución na  Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 da integración directa no novo Grupo B do EBEP das prazas ocupadas por persoas empregadas públicas ás que se lles exixiu para o ingreso a titulación de Técnico Superior, Técnico Especialista, Formación Profesional de 2º grao ou equivalente. De igual modo, debería resolverse a integración directa no Grupo C1 das prazas para as que se exixiu para o ingreso a titulación de Técnico de FP 1.

- Resolver na lexislación para 2023 o desenvolvemento da normativa sobre a xubilación parcial das persoas funcionarias, e da xubilación anticipada de determinados colectivos que desempeñan funcións en condicións de penosidade, perigrosidade, toxicidade, quendas, presión psicolóxica etc., segundo as previsións do EBEP.

Volver