Carreira Profesional 2026

Procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV da carreira profesional correspondente ao ano 2026.

  • Carreira profesional

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución e finalizará o 30 de setembro de 2026.

Para o rexistro electrónico e a acreditación dos méritos, cando sexa preciso consonte o exposto anteriormente, as persoas solicitantes deberán proceder da seguinte forma:

Accederán a través de Fides ao expediente electrónico do/da profesional, segundo se indica no anexo I desta resolución, e comprobarán os datos do seu currículo que constan rexistrados na aplicación informática (relativos a formación continuada, formación universitaria de posgrao, publicación de traballos científicos e de investigación e formación sanitaria especializada impartida), así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou esta está incompleta, o/a profesional rexistrará no sistema, coa data límite do 30 de setembro de 2026, os méritos que posúe e que pretenda facer valer na súa avaliación.

Logo de rexistrados, deberá imprimir a solicitude de validación destes méritos, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe Informe.

A solicitude de validación dirixirase á unidade de validación e poderase presentar, ata o 30 de setembro de 2026, nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dispoñibles na actualidade.

Xunto coa solicitude de validación, a persoa interesada deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que pretenda facer valer e que figuren pendentes de validación, nos termos previstos no anexo II desta resolución.

As persoas interesadas que solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que estea pendente de validar, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Volver