Carreira profesional

Novos acordos da comisión de seguimento publicados hoxe en DOG

  • Carreira profesional
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican seis acordos da Comisión de Seguimento da carreira profesional.

Acordo 1. Sobre a data en que se iniciou o cómputo dos períodos de permanencia

1. Con independencia da data en que se produciron os efectos dun grao recoñecido en execución das convocatorias dos anos 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 30 de novembro), 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 226, do 24 de novembro) e 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro), o cómputo da permanencia necesaria para acceder ao grao seguinte realizarase, respectivamente, desde o 1 de agosto de 2020, 1 de agosto de 2021 e 1 de agosto de 2022.

2. Recuperarase o terceiro trimestre como período de referencia para publicar as convocatorias anuais (punto 7 do Acordo do 6 de xullo de 2018). As futuras convocatorias publicaranse preferentemente no mes de xullo e cun prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de setembro.

Acordo 2. Traxectoria profesional en varias categorías/especialidades. Cómputo da permanencia

1. Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III), todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría/especialidade tamén computará como permanencia, nun 50 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte. Como excepcións*:

a) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III) de persoal licenciado sanitario, todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

b) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III) de persoal diplomado sanitario, todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

c) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría de persoal sanitario de formación profesional (inicial, I, II ou III), todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría de persoal sanitario de formación profesional do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

d) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría de persoal de xestión e servizos, todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría de persoal de xestión e servizos do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

* As denominacións utilizadas para clasificar o persoal (licenciado sanitario, diplomado sanitario e demais) son as que figuran no vixente capítulo II da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

2. Sen prexuízo do que establece o número 1 deste acordo, e como garantía de que existe unha mínima e efectiva traxectoria profesional na categoría/especialidade en que se pretende progresar -ou nunha categoría/especialidade dun mesmo nivel retributivo e ámbito profesional-, para solicitar o novo grao serán, en todo caso, precisos tres anos de servizo activo (ou reserva) na mesma e calquera outra do colectivo a que pertenza a categoría/especialidade (entre os catro anteriormente referidos). Así:

a) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal licenciado sanitario.

b) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal diplomado sanitario.

c) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría de persoal sanitario de formación profesional será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal sanitario de formación profesional do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) que o da categoría en que se solicita o novo grao.

d) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría de persoal de xestión e servizos, será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal de xestión e servizos do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) que o da categoría en que se solicita o novo grao.

Acordo 3. Traxectoria profesional en varias categorías/especialidades. Progreso alternativo

O/a profesional que na súa traxectoria profesional alterne o traballo en varias categorías poderá progresar libremente en calquera delas, unha vez que cumpra o período de permanencia no grao anterior na categoría que desexe (ademais, aplicando o acordo número 2 anterior en canto ao cómputo da permanencia), nas seguintes condicións:

1. Na mesma convocatoria anual unicamente se poderá solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría (noutros termos, unicamente se poderá presentar unha solicitude).

2. Cando se presente unha solicitude de grao I a IV nunha categoría (porque xa se cumpriu o requisito de permanencia no grao anterior) antes de que se cumpra un mínimo de cinco (5) anos de permanencia no último grao recoñecido noutra categoría (I a IV), entenderase que se renuncia ao último grao recoñecido na outra categoría (sempre que o novo grao solicitado sexa recoñecido).

Acordo 4. Traxectoria profesional en varias categorías/especialidades. Principio xeral para o progreso na carreira polo réxime ordinario

Para as traxectorias profesionais que se desenvolvan en varias categorías polo sistema ordinario, o réxime deseñado nos puntos 5 e 6 do Acordo do 6 de xullo de 2018, e nos acordos da Comisión de Seguimento, complementarase co principio xeral de que ningún período de permanencia no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas (situación de servizo activo ou calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) será irrelevante para os efectos de progresar na carreira profesional.

Acordo 5. Recoñecemento ao persoal estatutario temporal, que preste servizos en Galicia, dos graos de carreira profesional acadados noutros servizos de saúde

En espera de que se adapten os criterios para o recoñecemento mutuo entre os servizos de saúde dos graos de carreira profesional, publicados mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007 (Boletín Oficial del Estado núm. 50, do 27 de febreiro), limitado neste momento aos graos recoñecidos ao persoal fixo, o Servizo Galego de Saúde implantará de modo inmediato unha primeira medida neste ámbito: o recoñecemento ao persoal estatutario temporal dunha categoría/especialidade do grao inicial de carreira outorgado nesa categoría/especialidade en calquera outro servizo de saúde, así como dos graos I a IV que fosen recoñecidos con efectos retributivos.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia e en calquera data en que se presten servizos na dita categoría/especialidade no Servizo Galego de Saúde ou entidade adscrita.

Na seguinte ligazón figura o modelo de solicitude:

https://www.sergas.gal/Recursos-Humanos?idcatgrupo=1030198

Para os efectos da acreditación documental do grao recoñecido noutro servizo de saúde, a data en que producirá efectos o recoñecemento do grao solicitado, e demais particularidades deste sistema de recoñecemento, aplicarase o punto 10 do Acordo do 6 de xullo de 2018 (recoñecemento dos graos de carreira profesional acadados noutros servizos de saúde).

Acordo 6. Acceso do persoal residente en formación do Servizo Galego de Saúde ao seu sistema de carreira profesional

O persoal do Servizo Galego de Saúde incluído no ámbito do Real decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en ciencias da saúde, poderá acceder ao grao inicial de carreira profesional, como persoal residente da correspondente especialidade, a partir do momento en que inicie o seu cuarto ano de formación (segundo ano nas especialidades con dous anos de formación e terceiro nas especialidades con tres anos de formación).

O período de permanencia do persoal residente nese grao inicial (un ou dos anos) será computado na súa futura carreira profesional como persoal especialista do Servizo Galego de Saúde, reducindo na medida correspondente o período de permanencia de cinco anos preciso para poder solicitar o grao I da correspondente especialidade.

As solicitudes de recoñecemento do grao inicial poderán presentarse, no modelo normalizado disposto para o efecto, desde o día seguinte ao da publicación desde acordo no Diario Oficial de Galicia e en calquera data en que se presten servizos como persoal residente dos ditos anos de formación. Para acceder ao modelo normalizado seguiranse as instrucións de acceso ao expediente profesional electrónico-Fides.

 

Volver