Carta ao Conselleiro "Por uns orzamentos 2020 dignos"

  • Orzamentos
  • Sanidade Pública

Jesus Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade.

Desde o ano 1991, tras o acordo asinado polo actual presidente da Xunta de Galiza, en calidade de Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Sanidade, o persoal do Servizo Galego de Saúde está a ter unha penalización nas súas retribucións, en concreto no complemento específico.

Lembramos que o complemento específico está destinado a retribuír as condicións particulares dos postos de traballo e atención a súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade e penosidade.

Se a contía que percibe por este concepto o persoal do SERGAS, é inferior á que percibe o persoal da Administración, isto supón unha discriminación retributiva non xustificada; máximo cando ao persoal do SERGAS se lle require, a maiores, como requisito unha titulación específica.

Esta discriminación retributiva, como se pode comprobar na Orde de confección de nóminas da Xunta de Galiza, demostra que para o goberno galego e para a súa consellaría, ten a mesma consideración a prestación de servizo en quenda diúrna, de luns a venres, horario que realiza o persoal da administración; que a prestación a quendas nas 24 hs do día (mañá, tarde ou noite) os 365 días do ano que realiza o persoal do SERGAS.

Até o de agora, a desculpa que vostedes utilizaban era que o persoal do SERGAS percibía a retribución da carreira profesional, agora a carreira profesional vaina percibir, tamén , o persoal da Administración.

No ano 2008, no marco da mesa sectorial do SERGAS, asinamos un acordo retributivo que ía a corrixir esta débeda que o goberno galego ten co persoal do SERGAS desde o ano 1991. Dito acordo tiña un calendario de execución 2008/12 , e un compromiso dunha nova negociación no ano 2013.

No ano 2010 o goberno galego suspendeu este acordo, castigando unha vez máis, e dobremente, ao persoal do SERGAS, con reiteradas negativas a negociar na mesa sectorial un calendario de recuperación do acordo suspendido.

Agora, o goberno galego está a desbloquear outros acordos co argumento que estamos na senda do crecemento, crecemento que non pode excluír ao persoal do SERGAS.

Por todo isto, solicitamos ter unha reunión con vostede para transmitirlle a nosa petición de recuperación dos acordos suspendidos.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos que nesta reunión se poida desbloquear a suspensión destes acordos e que se inclúa a súa recuperación nos orzamentos do ano 2020.

Agardamos recibir unha convocatoria de reunión na maior brevidade posible.

Atentamente.

Compostela, 23 de setembro de 2019.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.
Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE

Volver