CIG denuncia que Quirón continúa o desmantelamento do Instituto Policlínico Santa Teresa
A externalización do Servizo de Rehabilitación e Fisioterapia deixa 11 traballadoras na incerteza a escasas horas de facerse efectiva a subrogación
- A Coruña
- Sanidade Privada
A CIG denuncia que o Grupo Quirón continúa avanzando no desmantelamento progresivo do histórico Instituto Policlínico Santa Teresa da Coruña mediante unha política continuada de externalización de servizos, que está a fragmentar a estrutura do hospital e a deteriorar o seu funcionamento.
Ao longo destes anos, Quirón externalizou os servizos de limpeza, mantemento e informática. Posteriormente deu un paso máis coa desaparición do Servizo de Urxencias propio do hospital. Os facultativos que prestaban este servizo, contratados directamente por Quirón, foron despedidos e, desde entón, as gardas son realizadas por profesionais dunha empresa externa. Esta decisión adoptouse sen que o Comité de Empresa recibise información previa sobre unha medida de tanta transcendencia organizativa.
Agora, Quirón dá un novo paso neste proceso coa externalización do Servizo de Rehabilitación e Fisioterapia, que pasará a ser xestionado pola empresa LUSITANIA SALUD, S.L. a partir do mércores 15 de xullo.
Esta decisión afecta a 11 traballadoras que, a escasas horas da subrogación, descoñecen cuestións básicas sobre a organización do seu traballo: o acceso aos programas informáticos, o sistema de fichaxe ou a coordinación co resto dos servizos que atenden os pacientes.
A empresa LUSITANIA SALUD, S.L. limitouse a manifestar a súa intención de manter os dereitos laborais. A CIG lembra que non se trata dunha cuestión de vontade, senón dunha obriga legal derivada da subrogación, polo que esixe garantías concretas e por escrito sobre as condicións laborais e o funcionamento do servizo.
Para a CIG, esta externalización non é un feito illado, senón un paso máis na conversión dun hospital integrado nun conxunto de empresas diferentes, debilitando os cadros de persoal propios e dificultando a coordinación entre servizos.
A CIG esixe ao Grupo Quirón e a LUSITANIA SALUD, S.L. que faciliten inmediatamente toda a información pendente, garantan por escrito os dereitos das 11 traballadoras e aseguren que a externalización non repercuta na atención aos pacientes.
A organización sindical continuará vixiando o proceso e adoptará as medidas sindicais e legais necesarias para defender os dereitos das traballadoras e denunciar o desmantelamento progresivo do Instituto Policlínico Santa Teresa.