CIG informa da Mesa Sectorial de Sanidade

Información de listas de contratación, OPE e concurso de traslados

  • Concurso de traslados
  • Oposicións
  • Sanidade Pública
  • Selección Temporal

O estado de alarma está a condicionar moitas das actuacións nos distintos procesos do SERGAS, posto que os prazos de reclamación, recurso... están paralizados. Tendo en conta isto:

  1. SELECCIÓN TEMPORAL
    O próximo martes 12 de maio publicaranse as listas definitivas de contratacións das categorías de:
    - Técnicos/as superiores sanitarios (TER,TEL, TEAP....)
    - TCAE
    - Técnico/a de farmacia
    Todas as categorías que non teñen publicadas as listas provisionais, quedan pendentes do levantamento do estado de alarma para poder publicalas, e abrir así o correspondente prazo de reclamacións.
  2. OPE
    - Remitíronnos un borrador das bases para a elección telemática de destino para presentar alegacións. A intención é publicar nunha Resolución estas bases para que os/as aspirantes coñezan o procedemento de elección de destino.
    - O prazo de presentación de documentación das persoas que superaron a OPE de Enfermeiro/a, Auxiliar administrativo/a e Celador/a quedou suspendido debido ao estado de alarma.
    Unha vez teñan recibida a documentación de todos/as os/as aspirantes, publicarán no DOG o listado definitivo de aspirantes seleccionados, o cadro de prazas a elixir, e abrirase un prazo de 10 días hábiles para elixir por orde de preferencia os destinos SEMPRE a través do FIDES.
    A toma de posesión nestes destinos estará suxeita á situación epidemiolóxica debido á crise sanitaria polo COVID-19. Non hai previsión.
    Este procedemento será o que se aplique a partir de agora, como norma xeral, xa non se farán actos de elección presencial.
    - As categorías que tiveron os exames nos meses de febreiro e marzo deste ano, só teñen publicada a plantilla de respostas provisional. Está pendente de que se reúnan os tribunais para valorar as impugnacións das preguntas dos distintos exames.
  3. CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE
    Hoxe pechouse por parte da Administración o cadro de prazas que se oferta a concurso de traslados, e remitiranse a DOG para a súa publicación.
    Dende CIG-Saúde solicitamos que se ofertaran todas as prazas vacantes orzamentadas estiveran ou non cubertas con interinidade; e a Administración limita a oferta ás prazas vacantes cubertas con interino/a.
    A toma de posesión nestes novos destinos estará suxeita á situación epidemiolóxica debido á crise sanitaria polo COVID-19.

Volver