CIG informa sobre a Comisión central de contratacións do 22 de maio

Información sobre a contratación COVID-19

  • Sanidade Pública
  • Selección Temporal

A Directora de RRHH do SERGAS só quixo falar de renovar contratos COVID.

  1. Nos transmite a intención de prorrogar todos os acúmulos de tarefas COVID, incluídos os 85 contratos de persoal fóra de lista que foron chamados para o COVID, durante o período vacacional, aínda que superen os 180 días.

O argumento para esta renovación é que estiveron en primeira liña, que agora non queren prescindir deles/as, e que vai ser necesario contratar a todo o persoal. Segundo a Administración, este persoal é de reforzo, non van cubrir nin vacacións, nin ningunha ausencia do persoal.

  1. O SERGAS ofertará outros 85 contratos de reforzo que serán chamados polas listas de contratacións. Non sabemos que actividade van ter estas 85 persoas,  e que actividade vai ter o persoal que se contrate a maiores de reforzo.
  2. Van proceder de inmediato a facer os chamamentos para os bloques de vacacións, e demais coberturas.
  3. Ao persoal MIR que remate este ano a residencia, vanlles ofertar contrato até o 31 de decembro do 2020. O SERGAS púxose en contacto coas xerencias para que ao resto de persoal facultativo se lles ofertasen os mesmos contratos, de ser necesario que fagan obra e servizo determinado.
  4. Ás/aos enfermeiras/os especialistas que remataron o EIR este ano, non se lle van ofertar estes contratos ata o 31 de decembro, posto que se ofertarán a quen lle corresponda nas listas de contratacións.

Dende CIG-Saúde non entendemos a sensibilidade da Administración con respecto a este persoal e que non amose a mesma sensibilidade cara o resto de persoal que leva anos traballando no SERGAS, e que tamén estivo na primeira liña de COVID.

Tampouco entendemos que se fale só de renovar estes contratos e non se fale nada das necesidades de contratación na atención primaria, nivel de asistencia fortemente recortado, e que vai ver incrementada a súa carga de traballo polo protocolo de COVID e o seu traballo estrutural.

Ante isto desde CIG-SAÚDE propoñemos:

  • Que a Administración respecte o pacto de contratacións, e os chamamentos se fagan pola listas de cada categoría.
  • Que se negocie na mesa sectorial as necesidades estruturais do cadro de persoal de hospital e primaria.
  • Que o estado de alarma da COVID non invalida as normas de contratación.
  • Queremos negociar ratios de persoal adaptados ás necesidades asistenciais que o COVID provoca.
  • Que se publiquen de inmediato todas as listas de contratacións pendentes, e nomeadamente a de FEAS.
  • Queremos falar da saúde das/os profesionais. Por que no SERGAS para unha adaptación de posto as/os maiores de 60 anos nos esixen máis que no resto da Administración Pública.

En conclusión, queremos ter unha mesa de negociación para identificar as necesidades do sistema sanitario, adecuar o cadro de persoal a estas necesidades con prazas estables e con contratos ofertados polo pacto de contratacións.

Queremos que na identificación de necesidades e cobertura do persoal, se teñan en conta todas as categorías. Que se incorporen as/os Psicólogas/os Clínicas/os na atención primaria para atende as necesidades de saúde mental que esta pandemia provocou.

Volver