CIG SAÚDE A MARIÑA URXE A REFORZAR O PERSOAL NA UNIDADE DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

  • Burela

Sen médica do traballo, un só enfermeiro especialista en enfermaría do traballo e un Técnico en Prevención de Riscos Laborais desbordados de traballo para afrontar a emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Burela ao 31 de marzo de 2020.

A unidade de prevención de riscos laborais desempeña un papel fundamental e imprescindible para facer fronte á crise polo COVID_19, pero ao mesmo tempo ten que atender outras actuacións principais para a seguridade e saúde do cadro de persoal alleas á situación actual.

Para a central nacionalista desde o SERGAS durante os últimos anos as unidades de PRL non foron potenciadas, mantendo unha dotación de persoal mínima para o seu correcto funcionamento e labores a desempeñar, sendo agora nesta emerxencia sanitaria onde se evidencia a escaseza de recursos humanos e materiais así como a vital importancia da prevención de riscos laborais para loitar contra o coronavirus.

Lembran que previamente ao comezo da emerxencia sanitaria a Unidade de Prevención de Riscos Laborais estaba dotada por unha médica do traballo, un enfermeiro especialista en enfermería do traballo e un técnico en prevención de riscos laborais.

Agora, en plena crise polo coronavirus o Hospital da Mariña dispón de menos recursos humanos neste servizo fundamental, denuncian.

O Hospital da Mariña atópase sen médica do traballo, xa que única profesional do centro foi desprazada ao Lucus Augusti.

Queda en evidencia unha vez máis que o noso centro hospitalario e a seguridade e saúde do cadro de persoal é secundario para quen dirixe a nosa sanidade desde Lugo cidade, ao dirixir os xa de por si escasos recursos humanos dispoñibles ao HULA, imposibilitando así desenvolver as funcións propias no centro mariñao.

A medicina do traballo é fundamental para desenvolver as funcións clínico-asistenciais así como as orientadas cara á prevención das enfermidades profesionais e as relacionadas co traballo, así como a promoción da saúde dos traballadores e traballadoras.

Así mesmo, só dispoñemos dun enfermeiro do traballo e dun só Técnico en Prevención de Riscos Laborais, claramente insuficientes e desbordados polas tarefas para afrontar esta crise, ás que teñen que sumar as habituais: accidentes laborais, recoñecementos médicos, embarazos, violencia interna e externa, bioseguridade etc

Aos labores habituais, debido a emerxencia sanitaria actual, deben avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación á infección de coronavirus SARS-CoV‐2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección que permitan realizar o traballo sen elevar o risco propio da condición de saúde da persoa traballadora.

Tamén deben realizar o seguimento dos contactos casuais do cadro de persoal con casos posibles, probables ou confirmados de COVID‐19.

A todo iso súmase a información e formación en todas as unidades do hospital, dunha combinación de todas as medidas preventivas, non só Equipos de Protección Individual (EPI), para proporcionar un grao adicional de protección.

É evidente que nunha situación de emerxencia con menos recursos humanos que durante o resto do ano non se pode facer máis, a pesar do sobreesforzo destes profesionais que dan todo e máis cada día para garantir a seguridade do cadro de persoal, denuncian desde CIG Saúde A Mariña.

O sindicato nacionalista tampouco esquece o Servizo de Medicina Preventiva, outro servizo fundamental no manexo desta crise, un servizo que habitualmente realiza actividades de atención individual e colectiva, no ámbito da medicina preventiva e da saúde pública, cunhas funcións orientadas principalmente á vixilancia epidemiolóxica de
infeccións nosocomiais así como a prevención da enfermidade e promoción da saúde.

O Hospital da Mariña só conta cun médico preventivista e unha enfermeira na unidade, claramente insuficientes para o control e seguimento ante a epidemia do coronavirus.

REFORZO DA UNIDADE DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS.

Ante a preocupante situación no Hospital da Mariña polo gran número de persoas do cadro de persoal contaxiadas, cumpre aumentar e non recortar todas as ferramentas humanas e materiais preventivas, claramente insuficientes pola situación actual a pesar do gran esforzo diario que desenrolan os profesionais de ditas unidades, para así garantir a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores e tamén dos usuarios e usuarias, explican.
Por todo o anterior desde CIG Saúde A Mariña esixen ao SERGAS o reforzo da unidade de PRL, pero tamén a de Medicina Preventiva, con persoal médico, de enfermería, técnico e administrativo para abordar en colaboración e coordinación esta emerxencia sanitaria no Hospital da Mariña.

Sempre, pero máis na situación actual, a Prevención de Riscos Laborais é fundamental polo mero feito de que a súa implantación e a correcta execución da mesma axuda a eliminar accidentes de traballo e enfermidades profesionais, facilita o traballo en condicións seguras, permite o cumprimento das normas vixentes e mellora a xestión da crise sanitaria, conclúen.

Volver