CIG-Saúde alerta que non se van substituír as vacacións de enfermería na Atención Primaria da Coruña-Cee

  • A Coruña

A CIG-Saúde denuncia que a Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee ten decidido non contratar profesionais de enfermería para a substitución das vacacións na Atención Primeira. Para a CIG-Saúde, con esta medida a Consellería de Sanidade está a dar un paso máis para esmagar a Atención Primaria.

A Atención Primaria en Galiza non pode superar o colapso provocado pola pandemia porque o seu deterioro é crónico e prepandémico: demoras crecentes no acceso á atención sanitaria, déficit e sobrecarga da medicina de familia, incapacidade do SERGAS de reter e atraer profesionais polas malas condicións de traballo, déficit de profesionais sanitarios (enfermaría, pediatría, fisioterapia…), servizos e persoal administrativo desbordados, política de non substitución de profesionais...

Todos os días do ano a atención sanitaria nos centros de Atención Primaria estase a manter só pola vontade e compromiso das/os profesionais que traballan até o esgotamento, que sacrifican libranzas, dobran quendas, asumen a atención dos/as doentes das compañeiras ausentes, polo abuso que soporta o persoal temporal...

E agora, a Xerencia da Coruña-Cee decide non contratar profesionais de enfermaría para a substitución das vacacións.

A situación dos Centros de Saúde e PAC acadará límites perigosos para a poboación e para as súas profesionais. As necesidades e problemas de saúde non diminúen no período estival. Ao contrario, a demanda aumenta de xeito moi importante nos centros que sofren un grande incremento de poboación durante este período.

Por iso, CIG-Saúde esixe da Xerencia da Coruña-Cee que manteña a dotación (xa precaria) de persoal de enfermaría e de todos os colectivos profesionais sanitarios e administrativos, substituíndo o persoal ausente por vacacións e reforzando os centros de saúde que van ver dobrada a súa demanda.

De non facerse, a poboación verá minguado aínda máis o seu acceso a Atención Primaria e a súa asistencia sanitaria será de peor calidade.

A CIG-Saúde e as profesionais non podemos aceptalo, non desistimos de cambialo. Mantemos a esperanza de acadar uns servizos de Atención Primaria que garantan o dereito a saúde de toda a poboación.

Volver